O 27 de marzo de 1996 comezou a emitir CUAC FM, a radio comunitaria da Coruña que estes días está a celebrar o seu trixésimo aniversario cun programa de actividades
O 27 de marzo de 1996 comezou a emitir CUAC FM, a radio comunitaria da Coruña que estes días está a celebrar polo tanto o seu trixésimo aniversario. Trinta anos nos que pasaron por ela preto de 500 programas e dous milleiros de colaboradores e colaboradoras. E nos que a radio mudou pero seguiu sendo, no fundamental, a mesma, sempre no 103.4 FM,
Tres décadas nos a emisora viviu por todo tipo de aventuras, atrancos e vitorias, destacando a batalla para acadar unha licenza de FM e a sanción imposta pola Xunta que obrigou á radio a deixar de emitir pero que finalmente se saldou cunha vitoria de David contra Goliat. Tamén destaca a actividade da emisora en entidades colectivas coma a Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias (en 2006) e a Red de Medios Comunitarios (dende 2009). Tres décadas de radio.
Cuac leva uns meses celebrando a efeméride coa publicación dun libro colectivo (Qué bonitas son as ondas radiofónicas: 30 anos de CUAC FM) e outros actos. Hai dúas semanas fixo unha fotografía colectiva (un fotón) na que convidaron á cidadanía a formar parte da foto de familia. Ademais, o pasado venres 27 de marzo, día exacto do aniversario, houbo un concerto no Teatro Colón da Coruña coa participaión de César de Centi, Silvia Penide e Pedro Pastor.
Cuac segue a pelexar por unha licenza de emisión á que ten dereito por lei, pero que se lle vén negando a esta e a outras emisoras comunitarias, alegando agora a falta de dispoñibilidade de espectro radioeléctrico
Aínda haberá tempo nos vindeiros meses de máis celebracións, comezando polo Encontro Estatal de Medios Comunitarios, que A Coruña acollerá do 17 ao 19 de abril, tres días nos que a cidade se converterá no epicentro dos medios comunitarios no Estado. Ademais, entre o 23 e 24 de maio haberá unha maratón radiofónica con xornada de portas abertas na emisora. E o 13 de xuño a Sede de Afundación acollerá a Gran Gala dos Oscuacs, un evento que este ano tamén terá un formato especial, con recoñecementos a persoas ou colectivos alleos a CUAC FM. En xullo celebrarase así mesmo unha actividade de irmandamento coa emisora de Ferrol Radio Filispim.
Falamos con Paula Alonso, actual presidenta da asociación que xestiona a emisora, Colectivo de universitarios activos, e tamén con Tomi Legido e Mariano Fernández Cabarcos, que levan na radiodende os seus inicios. Falamos de pasado, de presente e, sobre todo, de futuro. E entre os temas, un que vén marcando a historia de Cuac dende hai vinte anos: a loita por acadar unha licenza de emisión á que ten dereito por lei, pero que se lle vén negando a esta e a outras emisoras comunitarias.
A licenza: un dereito recoñecido nunha lei que (aínda) non se cumpre
"Intentan ser precavidos. É posible que haxa sitios onde o espectro estea saturado, sobre todo as grandes cidades como Madrid ou Barcelona, pero noutros claramente non. Dende logo non o está en Corme e posiblemente tampouco na Coruña ou Ferrol", explica Mariano Fernández.
Comecemos polo principio. A Lei Xeral de Comunicación Audiovisual de 2022 recoñece (como xa facía a norma anterior, de 2010) o dereito das radios comunitarias a contar cunha licenza legal de emisión, é dicir, unha frecuencia propia e garantida no espectro radiofónico.
En concreto, a disposición transitoria terceira establece que as radios e televisións comunitarias "que acrediten o seu funcionamento ininterrompido durante o últimos cinco anos, sen causar problemas de interferencias, e pretendan continuar a súa actividade, poderán solicitar, no prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei, a concesión do correspondente título habilitante á autoridade audiovisual autonómica competente, conforme ás dispoñibilidades de espectro radioeléctrico". E indica que "a autoridade estatal competente en materia de planificación e xestión do espectro radioeléctrico reservará o dominio público radioeléctrico necesario para a prestación destes servizos".
A norma está clara para Cuac, polo tanto, o mesmo que para outras emisoras galegas (a Radio Filispim de Ferrol e a Radio Roncudo de Corme solicitaron tamén a súa licenza), agora só resta que o Estado central e a Xunta apliquen a lei, algo para o que semella haber "boa disposición", tanto en Madrid coma en Santiago, destaca Mariano Fernández Cabarcos.
Radio Filispim de Ferrol e Radio Roncudo de Corme solicitaron tamén a súa licenza
O problema semella estar nesas "dispoñibilidades de espectro radioeléctrico", pois dende o Goberno do Estado alégase que nalgún lugares o espectro está saturado. "Eles intentan ser precavidos. É posible que haxa sitios onde o espectro estea saturado, sobre todo as grandes cidades como Madrid ou Barcelona, pero noutros claramente non. Dende logo non o está en Corme e posiblemente tampouco na Coruña ou Ferrol", explica Mariano Fernández.
Ademais, engade, "esa suposta falta de espectro choca co feito de que haxa comunidades autónomas que estean dando licenzas directas a radios municipais. Ou con que o propio Estado vai sacar unha nova canle de TDT". Así mesmo, incide en que "se estamos emitindo é que oco hai" e pon o foco en que hai "moitas emisoras comerciais sen licenza que están emitindo", un problema ao que habería que poñer couto.
"Somos unha radio que escoita todo tipo de xente, moi diferente, de moi distintas idades", destaca Paula Alonso
É tan importante ter licenza? A lei garante o dereito de Cuac a estar na FM. Cando entre 2017 e 2018 a Xunta tentou prohibir a Cuac emitir a través das ondas, a sentenza ditada polo TSXG deixou claro que se a emisora non contaba con licenza era debido á "inactividade da Administración”. Dende entón a radio coruñesa mantense no 103.4 cunha "garantía temporal de emisión", pero isto non impide que outras emisoras ilegais se coloquen moi preto dela no dial, provocando interferencias ou dificultanto a escoita. "Se non temos licenza, resúltanos moi difícil evitar isto", lembra Fernández, que conclúe: "necesitamos a licenza para seguir a existir". E ademais apunta ao futuro: contar cunha licenza agora "é fundamental para asegurar a nosa presenza" na radio dos vindeiros anos: a radio dixital.
"Hai historias e persoas que non terían alcance ningún senón fose polas radios comunitarias"
Garantir esta emisión en FM é fundamental a pesar de que xa moita xente escoita a radio no móbil ou en forma de podcasts. "Pero moita outra xente non, sobre todo a xente que non é nova", destaca Paula Alonso, presidenta da asociación, que subliña que "somos unha radio que escoita todo tipo de xente, moi diferente, de moi distintas idades", e que mesmo conta con moitas persoas maiores que fan programas, algunhas que entraron a través da universidade senior da UDC. "Hai xente que non se sente igual de acompañada por un móbil que por un transistor", engade Paula Alonso.
A presidenta de Cuac destaca que "durante 30 anos non deixou de sumar xente. É tremendo o apoio que ten" e subliña que "é moi bo para comprobar que a radio é unha ferramenta útil, algo co que se pode comunicar algo novo, co que se calquera persoa que teña unha historia que contar pode facelo".
E pon como exemplo unha desas historias que só poden pasar na radio comunitaria: "Unha compañeira que facía un programa en Padre Rubinos que conta que a primeira vez que unha persoa sen fogar foi facer radio e despois se escoitou, se emocionou como nunca. Podes perder o teu fogar e crer que xa non tes nada, pero mesmo nesas condicións, segues tendo unha voz e cousas que contar e tes, ademais, o dereito a contar a túa historia e que te escoiten". "Hai historias e persoas que non terían alcance ningún senón fose polas radios comunitarias", engade.
"Hai historias e persoas que non terían alcance ningún senón fose polas radios comunitarias", di Paula Alonso
Nese senso, Alonso destaca a oportunidade que Cuac vén dando á xente que quere facer radio: "temos a nosa escola de radio, impartimos formación a todo o que se queira achegar e tamén a centros educativos, asociacións e alí onde nos chamen. E case sempre hai alguén que nese momento namora da radio e despois vén facela con nós".
Sobre os retos de presente e futuro, ademais desa loita pola licenza, Paula Alonso destaca a instalación nos últimos meses "de cámaras nos nosos estudios, unha aposta moi importante que nos permite emitir en streaming e pasar a facer tamén Cuac TV, non ser só unha radio, senón tamén unha televisión".
"Seguimos empeñadas tamén en facer programas en exteriores que se gravan en colaboración con diferentes colectivos e é outra maneira de gozar da radio. Tamén queremos seguir participando en eventos, en calquera sitio que nos chamen, para estar presentes e colaborar con calquera que nolo pida", di. E engade: "cada vez recibimos máis propostas de todo tipo. Unha mostra de que as cousas se fixeron ben durante os últimos 30 anos".
Chamamento "á xente que teña curiosidade por coller un micro e contar historias"
"Gustaríanos ter incluso máis presenza na cidade, con máis programas en directo dende diferentes lugares", di Tomi Legido
Tomi Legido leva trinta anos en Cuac. Que se sente ao mirar atrás? Orgullo, nostalxia, vertixe? "Orgullo, dende logo. Incredulidade, tamén. Porque te decatas de que levas máis de media vida cun proxecto que é case coma un fillo. Estes días, lendo o libro e vendo o documental, axúdannos a comprender a dimensión do traballo feito, porque ves que incidimos na vida de moita xente e esa é unha recompensa brutal", destaca.
Sobre eses mesmos retos de futuro que detacaba Paula Alonso, Legido destaca a necesidade dun "esforzo extra para que cheguen asociacións e oenegués..., eses contidos sociais". "Decatámonos que para o tecido social, os espazos que adoita haber nos medios convencionais son moi pequenos, non dá tempo para desenvolver as túas liñas de acción e todo o que estás facendo. É moi distinto poder facer un programa semanal no que podes falar, por exemplo, coas túas usuarias", explica.
Legido fai un chamamento "á xente que teña certa curiosidade por coller un micro e contar historias", á que pide que "non teña medo nin dúbidas e se achegue a nós e que probe"
"Outra cousa que nos gustaría sería ter incluso máis presenza na cidade, con máis programas en directo dende diferentes lugares. Facemos moitos, pero poderíamos facer moitos máis se tivesemos máis tempo e máis recursos", di Legido, que sinala que "moitas veces dános a impresión de que polo feito de estar no Campus da Zapateira non somos visibles realmente na cidade". "Que a xente sinta que a emisora está aí é unha das cousas que nos preocupa e nos ocupa", engade.
E para rematar Tomi Legido fai un chamamento "á xente que teña certa curiosidade por coller un micro e contar historias", á que pide que "non teña medo nin dúbidas e se achegue a nós e que probe. Non hai período de permanencia". Unha boa oportunidade será o maratón radiofónico que Cuac celebrará en maio e que vai ir acompañado dunha xornada de portas abertas: "aí a xente vai poder coñecer por dentro o que é un estudo de radio".