-
Feijóo apoia que España "se apunte" a enviar migrantes a centros de internamento fóra da UE coma o de Ruanda se goberna tras o 29N
O ex-presidente Alberto Núñez Feijóo, a prol de que "España se apunte" á "solución" de enviar migrantes a centros de internamento fóra do territorio da UE coma o que Alemaña, Austria, Dinamarca, Grecia e Países Baixos acordaron abrir en Ruanda. "Estou a favor de tentalo" se goberna tras o 29N responde nunha entrevista con ABC, na que especifica que optaría por esta vía para "casos excepcionales" como as chegadas de migrantes ás Canarias nos últimos días. No debate televisivo con Pedro Sánchez o candidato do PP reclamou poder "experimentar" con esta fórmula. Na mesma entrevista Feijóo volve abrir a porta á "derrogación" da Lei de Eutanasia.
-
Único debate na Radio Galega e cita a oito bandas en RTVE
Este luns final da campaña é tamén xornada de debates electorais. Ás 20:00 a Radio Galega emite o seu único debate, que unha semana despois do único da TVG - na imaxe- xuntará a Julio García Comesaña (PP), Abel Losada (PSdeG), Carme da Silva (BNG), e Paulo Carlos López (Fronte Ampla), todos eles cabezas de cartel ao Congreso por Pontevedra agás o representante do FA, que concorre ao Senado tamén por esa circunscrición.
Ás 22:00 da noite RTVE celebra o seu debate entre voceiras e voceiros dos partidos que nesta lexislatura tiveron grupo parlamentario propio no Congreso: Ester Muñoz (PP), Patxi López (PSOE), Pepa Rodríguez de Millán (Vox), Emilio Delgado (Frente Amplio), Gabriel Rufián (ERC), Míriam Nogueras (Junts), Oskar Matute (EH Bildu) e Maribel Vaquero (EAJ-PNV).
No que resta de campaña está convocado, cando menos, outro debate significativo. O vindeiro xoves a Academia de TV organiza o debate a catro bandas ao que están convidados Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijóo no nome de PSOE e PP e, canda eles, Santiago Abascal por Vox e Ada Colau pola Fronte Ampla.
-
Horas finais cara ao silencio (público) das enquisas: a maioría segue a falar de absoluta das dereitas
Este luns, 23 de novembro, é o derradeiro día da campaña electoral das eleccións xerais no que é legal publicar enquisas de intención de voto. Isto non quere dicir que nos cinco días finais cara á cita coas urnas non sigan a elaborarse nin que partidos políticos e algúns medios de comunicación non sigan a manexar resultados demoscópicos, senón que está prohibido publicar os seus datos nos medios de comunicación.
Mañá, martes, principia o silencio oficial demoscópico nun panorama no que a práctica totalidade das casas de enquisas seguen a debuxar unha maioría absoluta das dereitas. O retrato robot xeral do panorama que bosquexan pasa por un PP cunha representación no Congreso semellante ou inferior á lograda en 2023, pero no que o ascenso da extrema dereita de Vox permitiría, cun pacto bipartito, a investidura de Alberto Núñez Feijóo como vindeiro presidente do Goberno de España malia o mantemento ou crecemento do PSOE.
Así o sinalan, por exemplo, os inquéritos que este luns actualizan Ipsos para La Vanguardia, 40dB para a Cadena SER e El País ou Sondaxe para La Voz de Galicia. Das principais enquisas só o tracking elaborado por SW Demoscopia para La Séptima abre a porta a un escenario no que habería marxe para unha investidura de Pedro Sánchez, co PSOE en primeira posición e apoio doutras forzas de esquerdas e soberanistas. Esa posibilidade foi a apuntada por Pedro Sánchez a pasada noite na súa entrevista co programa Salvados (laSexta), na que o candidato socialista afirmou que os datos que manexa o seu partido permiten confiar nunha reedición do Goberno progresista.
- Política Ao vivo
Fin das enquisas públicas na recta final cara ao 29N
Hemeroteca
-
A loita polo derradeiro escano: un feixe de votos decide o bloque gañador en Galicia
-
Galicia leva anos xirando á esquerda: o suposto feudo conservador, entre os territorios máis progresistas
-
As solicitudes de voto por correo medran en Galicia por riba da media do Estado: un 17% máis que en 2019
-
A máis participación, mellor resultado da esquerda? A mobilización progresista, clave no 29N