A #CorentenaLiteraria e os bicos polo aire fronte ao coronavirus

Diego Giráldez, Emma Pedreira, Arantza Portabales e Manrique Fernández son algúns dos participantes na iniciativa da #CorentenaLiteraria CC-BY-SA Praza Pública

Nos primeiros días do confinamento ordenado polas autoridades para tentar frear o coronavirus, a actriz e presentadora Neves Rodríguez compartiu nas redes sociais "a imaxe dun fragmento dun libro co cancelo #CorentenaLiteraria e pareceume unha boa escusa para que autoras e autores galegos lesen fragmentos das súas obras para entreter á xente nas súas casas". Quen fala é o escritor Diego Giráldez, impulsor dunha das tantas iniciativas que, nos últimos días, están procurando axudar a poboación a levar mellor o confinamento a través da cultura.

O escritor Diego Giráldez convidou outros autores e autoras a leren fragmentos das súas obras e compartilos como "bálsamo" para os días de confinamento

Giráldez dirixiuse a moitas e moitos compañeiros de oficio cunha mensaxe curta. Explicáballes a idea e convidábaos a "que vos gravedes un vídeo lendo un fragmento dunha das vosas obras e o publiquedes nas vosas redes acompañado dos cancelos #CorentenaLiteraria e #EuQuedoNaCasa". "Bicos (polo aire)" remataba aquela nota. E así foi como as redes comezaron a encherse de letras lidas -e de bicos polo aire- contra o virus.

O propio Diego Giráldez, Antonio García Teijeiro, Emma Pedreira, Francisco Castro, Iolanda Zúñiga, Arantza Portabales, Manrique Fernández, María Xosé Porteiro, Ana R. Figueiredo, Raquel Castro, Xurxo Chapela, Iria Collazo, Roxana Villagrasa Méndez , Lois Alcalyde Dans, Miguel Ángel Alonso Diz ou Alberte Momán son algúns dos escritores e escritoras que xa se animaron a participar na iniciativa. Pretenden, explica Giráldez, unírense a esas accións que, en múltiples lugares do planeta, queren "servir de bálsamo para paliar estas semanas de illamento".

"As autoras e autores -explica- responderon moi ben e estou seguro que se van sumar máis, aínda queda confinamento  por diante para poder usar a literatura como se merece, como puro entretemento", afirma ante unha crise na que, cre, "como de todas, sairemos distintos". 

"Dá igual se é unha crise económica ou sanitaria, non volveremos a ser os mesmos, xa estamos en transición. Se a literatura galega serve para acompañarnos nesta nova viaxe, perfecto. Aínda que o noso mellor balcón ás oito da tarde son as librarías, a rede ten tamén o poder de conectarnos co público e hai que aproveitalo, sobre todo en momentos así", conclúe Diego Giráldez, que se despide con bicos (polo aire).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.