"A tipografía di moito de quen che fala": así naceron as novas letras do Dépor, que beben de Sargadelos

Rubén Prol, deseñador © Cedida

Hai unha semana, entre os varios anuncios e novidades (entre elas o uso do topónimo legal da cidade no seu nome) cos que o Deportivo da Coruña vai acompañando o regreso á Primeira División do equipo masculino, o club anunciou a "actualización da súa identidade visual", na que destaca o uso de dúas tipografías exclusivas -Faro e Proa- realizadas polo deseñador Rubén Prol, que acompañan unha "linguaxe visual propia, coherente e contemporánea, reforzando a personalidade do Club", destaca o Deportivo.

"A miña relación co Dépor empezou por casualidade no 2014. Déuseme daquela a oportunidade de poder presentar unha proposta para deseñar os dorsais das camisetas. A proposta gustou e leváronse esas letras e eses números durante sete tempadas"

A RCD Faro está inspirada no alfabeto creado no Laboratorio de Formas de Sargadelos no século XX, establecendo "unha ligazón directa coa cultura visual galega". A RCD Proa está "concibida como contrapunto de Faro, esta tipografía achega solidez e presenza" e "as súas contraformas cadradas evocan a textura das raias verticais da camiseta do equipo". Os propios nomes das fontes achegan xa un discurso que fala da cidade, do mar e de mirar cara ao futuro.

En realidade, moito dos dorsais do Dépor das últimas tempadas xa foran deseñados por Rubén Prol (O Grove, 1983), deseñador especializado na creación de tipografías e lettering, que nos últimos anos vén realizando diferentes traballos neste ámbito. Falamos con el sobre o encargo que levou a cabo para o Deportivo e sobre outras das tipografías que realizou. Tamén sobre a importancia de contar con fontes exclusivas e identificativas dunha marca ou entidade.

Agora vés de deseñar dúas tipografías exlusivas para o Deportivo, pero a túa relación co club comezou hai uns anos e, de feito, o equipo leva xa moitas tempadas empregando as túas letras para os seus dorsais. Como comezou e como chegas agora a este ambicioso encargo?

A miña relación co Dépor empezou por casualidade no 2014. Déuseme daquela a oportunidade de poder presentar unha proposta para deseñar os dorsais das camisetas, é dicir, os números e as letras dos xogadore, a RCD Carme. A proposta gustou e leváronse esas letras e eses números durante sete tempadas. 

"Ese lettering  gustou e a xente do club comentábanme de xeito informal que estaría ben facer algo máis ambicioso a partir de aí. Pero claro, os tempos eran os que eran, eran os anos “do barro”, pero xa me comentaban que cando a cousa remontase, estaría ben crear unha identidade máis ambiciosa e unha tipografía corporativa"

A partir de aí o contacto do Deportivo foi máis ou menos estreito e na tempada 22-23 encargáronme un lettering para as camisetas que tiñan relación con Galicia -chamábanse Galicia Azul, Galicia Verde, Galicia Atlántica...- e un dos obxectivos do lettering era que fosen letras “que recordasen a Galicia”. Pódese dicir que hai dous estilos principais en Galicia que se sobreentenden como letras galegas, entre aspas: as de Sargadelos e mais a de Castelao. Eu decanteime polas de Sargadelos, entre outros motivos, porque son un tamén un pouco representativas da comarca da Coruña.

Ese lettering quedou aí, gustou, pero a xente do club comentábanme de xeito informal que estaría ben facer algo máis ambicioso a partir de aí. Pero claro, os tempos eran os que eran, eran os anos “do barro”, pero xa me comentaban que cando a cousa remontase, si que estaría ben crear unha identidade máis ambiciosa e unha tipografía corporativa.

A finais de 2023 e a comezos de 2024 xa se puxo a andar un pouco a idea de recuperarmos ese lettering das camisetas de Galicia Azul e sacar a partir de aí unha tipografía completa. A toma de decisión foi bastante fácil, porque era un tipo de letra que gustou moito. 

"A partir de aí naceu a Faro. A Proa naceu despois, por necesidade, ao ver que se necesitaba unha tipografía complementaria"

Dese lettering de Galicia Azul nace Faro, unha das dúas tipografías que a partir de agora van ser representativas do Dépor en toda a súa comunicación. Como foi o proceso e por que o nome de Faro?

Si, a partir de aí naceu a Faro. Como era un tipo de letra moi ornamental e decorativa, pois houbo que adecuala para diferentes estilos e para diferentes usos, porque unha entidade tan grande como o Deportivo que necesita dunha moi boa comunicación, adaptando as tipografías a diferentes contextos. Faro foi o primeiro nome que se nos ocorreu e gustounos: era curto e era representativo da cidade, pola Torre de Hércules e porque foi un dos primeiros nomes que tivo A Coruña.

"O nome de Proa púxose un pouco en consonancia con Faro. Tamén é curto, tamén remite á temática mariñeira e ademais significa mirar cara adiante, cara ao futuro, que era un pouco o espírito do club nese momento"

E por que Proa? Como xorde esta segunda tipografía, moi distinta á primeira?

A Proa naceu despois, por necesidade, ao ver que se necesitaba unha tipografía complementaria a Faro. Con Proa xa tiñamos unha idea bastante clara do que queríamos, un tipo de tipografía de pau seco, firme, robusta, estreitiña. Un dos propósitos da proa era que crease texturas; como é unha tipografía que presumiblemente se vai usar con cor branca sobre o fondo azul ou viceversa buscábase tamén que recordase ás raias da camiseta do Deportivo. 

E o nome púxose un pouco en consonancia con Faro. Tamén é curto, tamén remite á temática mariñeira e ademais significa mirar cara adiante, cara ao futuro, que era un pouco o espírito do club nese momento.

Antes destes dous encargos máis recentes tamén deseñaches outra tipografía para o Dépor, non si? Unha que puidemos ver na celebrada camisola amarela de homenaxe a Brasil...

Si, Marathón tamén foi un pouco de sorpresa. Realmente non foi un encargo en si, xa era unha tipografía que tiña feita. E gustoulles. En principio ía a ser usada para todas as camisetas nesa tempada, que foi a tempada do ascenso dende a Primeira Federación, pero finalmente quedou só para a camiseta de Brasil porque aínda quedaban moitas letras en stock de Carme, así que se decidiu seguir utilizando a Carme nas outras camisetas. 

Tomaches como modelo a de Sargadelos. Por que che gusta?

Paréceme bonita e, ademais, bastante única. E iso non é nada doado, sobre todo no alfabeto romano, que é o máis usado no mundo. Creo que por iso me gusta, porque destaca sobre as demais. A min gústanme moito, ademais, as tipografías ornamentais, que enchen a vista, que crean unha textura. 

A base da tipografía 'Faro' creada en exclusiva para o Depor está no encargo realizado no ano 2022 © Rubén Prol

"Se tes unha inspiración para facer unha letra ou dúas, a partir de aí xa podes desenvolver unha tipografía completa. Especialmente se tes un O redondo, un V triangular e un H cadrado; a partir dun O, dun V e dun H podes facer unha idea de como vai ser o resto do alfabeto"

Como é o proceso que segues para deseñar unha tipografía completa ou realizar unha lettering? En que te inspiras? Como comezas a traballar? Que é o máis difícil?

Supoño que isto é algo bastante persoal, quero dicir que cada deseñador terá o seu método. No meu caso sae un pouco da inspiración, a partir de calquera forma que te inspire. Ao final a tipografía é pouco un traballo de arqueólogo. Digo arqueólogo porque é un pouco como como esta xente que está escavando e encontra un anaquiño dunha mandíbula ou dun cranio e a partir dese pedaciño sabe reconstruír todo o esqueleto e saben dicir que esa persoa era vexetariana e que se chamaba Manuel. Falo de tipografía a partir do alfabeto romano, que é o que eu traballo, porque a tipografía abrangue moitos estilos de escritura distintos. Pero en particular no alfabeto romano hai uns patróns. Se tes unha inspiración para facer unha letra ou dúas, a partir de aí xa podes desenvolver unha tipografía completa. Especialmente se tes un O redondo, un V triangular e un H cadrado; a partir dun O, dun V e dun H podes facer unha idea de como vai ser o resto do alfabeto.

Ademais, cando hai un traballo previo de caligrafía, a caligrafía dáche unha memoria muscular e visual, inconscientemente, da morfoloxía, de como teñen que ser as letras. Porque ao final as letras, os estilos de letra están inspirados nalgún tipo de letra que se escribía con caligrafía anteriormente.

Así pois, como empeza todo? Empeza coa inspiración de ir pola rúa, de fixarte na forma dunha fachada e a partir de aí reconstruír. É relativamente fácil sobre todo canta máis experiencia teñas. Eu levo máis de 20 anos facendo isto. A partir de catro premisas e catro formas básicas, que se van cambian, é doado facer un alfabeto enteiro de letras, ademais de números e signos de puntuación.

Rubén Prol era xa o responsable das tipografías dos dorsais do Dépor dende o ano 2014 © Rubén Prol

"É bastante curioso dar un paseo pola Coruña e atopar un bar cunha tipografía que fixeches hai case 20 anos de forma gratuíta. E dis: “pero como acabou isto aquí?”"

Cantas tipografías deseñaches na túa vida?

Pois atreveríame a dicir que son máis de vinte. Hai algunha que non conto, sobre todo as que fixen nos primeiros anos, que foron máis experimentais A verdade é que levo a conta perdida

Algunhas con licenzas libres, non si?

As primeiras, si. Pasoume o que lle pasou a moita xente no mundo do deseño da tipografía: as primeiras que fas son así como un pouco de coña, sen tomalo moi en serio. Subinas a unha plataforma que se chama Dafont, que é como un repositorio de tipografías libres e a xente pode descargalas. E todas esas fontes que subín a Dafont vin que se usaron moitísimo.

É bastante curioso dar un paseo pola Coruña e atopar un bar cunha tipografía que fixeches hai case 20 anos de forma gratuíta. E dis: “pero como acabou isto aquí?”. Pero si, algunha deu moitas voltas: atopei tipografías miñas en carteis electorais, no supermercado e mesmo apareceu unha na portada dun DVD dunha película erótica italiana. Todo moi estraño.

Que tipo de encargos recibiches para facer tipografías ou lettering?

Ben, sobre todo recibín encargos para facer lettering máis que tipografías, moitos de bares, tanto da Coruña como do Grove, que é de onde eu son. O lettering é un traballo bastante máis asequible para os clientes, porque non implica desenvolver un alfabeto completo, non é moito traballo comparado co de deseñar unha tipografía. Así que o que me piden é lettering, que basicamente é debuxar unhas letras e achega moita máis personalidade á hora de crear un logotipo ou un letreiro para un bar que descargar calquera tipografía que haxa por aí. Creo que o primeiro encargo que me fan para deseñar unha tipografía completa foi este do Dépor.

Fontoira, unha fonte creada con Lino Prieto © Rubén Prol

"A Fontoira foi máis unha homenaxe ou mesmo unha necesidade de dixitalizar unha forma de letra que máis tarde máis cedo ía seguramente a deixar de verse. Porque era a forma de letra que escribía un mariñeiro xubilado do Grove que se chama Raúl Fontoira e que estivo moitos anos rotulando os folios dos barcos"

Dis que para esta tipografía te inspiraches un pouco en Sargadelos. Para Fontoira inspirácheste no estilo tradicional mariñeiro. Miras moito estas fontes tradicionais? 

A idea de crear a Fontoira foi unha idea orixinal de Lino Prieto. A Fontoira foi máis unha homenaxe ou mesmo unha necesidade de dixitalizar unha forma de letra que máis tarde máis cedo ía seguramente a deixar de verse. Porque era a forma de letra que escribía un mariñeiro xubilado do Grove que se chama Raúl Fontoira e que estivo moitos anos rotulando os folios dos barcos -os folios son as matrículas dos barcos-. Raúl Fontoira rotulou moitísimos barcos a man e cun estilo e dunha maneira tan peculiar que son parte innegable da paisaxe do Grove cando paseabas polo porto. 

Entón Lino tivo a idea e a curiosidade primeiro de tentar saber quen ideara este tipo de letra, que todo mundo coñecía pero cuxo autor non estaba recoñecido, a xente non sabía quen era. Como era un tipo de letra que se pintaba a man, inevitablemente ía perderse, porque xa ninguén pinta os folios dos barcos a man, senón que directamente imprimen un vinilo no que poñían outros tipos de letra que hai por aí. Lino investigou un pouco, descubrimos quen estaba detrás deste tipo de letra e fixémolo un pouco como homenaxe á súa obra e tamén para que a xente que ten barcos se animase a seguir usando esa forma de letra para os seus folios aínda que xa non se pinten a man.

Outras fontes e letras creadas por Rubén Prol © Rubén Prol

"Fixémolo un pouco como homenaxe á súa obra e tamén para que a xente que ten barcos se animase a seguir usando esa forma de letra para os seus folios aínda que xa non se pinten a man"

En Galicia hai unha tradición tipográfica interesante?

Hai que dicir que tipografía, estritamente, é unha maneira de impresión, os tipos móbiles de chumbo que se usaban nas imprentas. Falando de tipografía en si en Galicia podemos destacar que sobre todo na Coruña houbo moitas imprentas que facían tipografía, facían tipografía no sentido de que imprimían, non me refiro a que deseñasen tipografías. Eu non teño constancia de deseñadores de tipografía galegos. Tradición tipográfica non houbo moita; curiosamente houbo moita máis tradición en países do centro e norte de Europa: Suíza, Holanda, Alemaña, Gran Bretaña..., non sei se ten que ver coa relixión protestante. As grandes compañías de deseño de tipografía e moitos dos grandes deseñadores de tipografía en Europa están situados por aí.

E con respecto ao lettering, que é rotular letras, en Galicia por suposto que houbo unha boa tradición. Por exemplo é moi interesante a que se ligou ao modernismo que se deu aquí en Coruña. 

Rubén Prol, hai dous anos, pintando o nome e o folio de 'Marilús' na Illa de Arousa © Cedida

"Hai unha decadencia global: a perda do letreiro feito con coidado, con mimo, que non é un letreiro xenérico como son agora case todos. Ás veces temos a impresión de que as letras saen da nada pero as letras hai que facelas"

Estaba pensando tamén nos carteis de bares e outros locais e comercios, en ocasións que levan tempo pechados, pero que aínda podemos ver. Uns carteis que empregaban un tipo de letra moi coidado e orixinal, por exemplo os que recolle a conta Galicia Tipográfica en Instagram. Dá a impresión de que agora non se empresa tanta atención a estes detalles, non sei se estás de acordo

Creo que hai unha decadencia global: a perda do letreiro feito con coidado, con mimo, que non é un letreiro xenérico como son agora case todos. É algo que se está perdendo a nivel global, atreveríame a dicir que si. Pero antes si, había algunha persoa, anónima, que se preocupaba de deseñar unhas letras de rotulalas... É igual que algunha vez que alguén me dixo: “ti fuches a primeira persoa en deseñar uns tipos de letra exclusivos para os dorsais das camisetas do Deportivo”. Pero non é verdade, porque sempre que o Deportivo tivo dorsais alguén tivo que deseñar esas letras e números. 

Ás veces temos a impresión de que as letras saen da nada pero as letras hai que facelas. E todos eses letreiros de bares e doutros comercios, vese que eran feitos nalgún taller, non sei con que ferramentas exactamente pero si que se facían de maneira artística. Todas teñen un autor detrás e seguramente moitos deses autores son anónimos, non sabemos hoxe os seus nomes.

"Que achega unha tipografía a unha identidade? Eu penso que moitísimo. Unha tipografía propia dáche moita identidade porque se alguén a recoñece xa sabe dende o primeiro golpe de vista que quen lle está falando é esa entidade. A tipografía di moito de quen che fala e tamén de como che fala"

Ata que punto se debería facer máis isto? Que lle engade a un club coma o Deportivo, a unha administración pública, a unha empresa grande ou pequena contar cunha tipografía propia, recoñecible, que lle dá identidade?

O uso da tipografía corporativa pouco a pouco vai gañando terreo en Galicia, moi pouco a pouco pero si. Falar de tipografías propias non é algo tan estraño como era hai vinte anos cando comecei, nese momento nin había información en Internet sobre como facer unha tipografía. Vanse dando pasos e por exemplo a Xunta ten unha identidade corporativa nova, que lle creou o estudio Costa e unha tipografía corporativa -a Xunta sans- que deseñou María Ramos. 

Que achega unha tipografía a unha identidade? Eu penso que moitísimo. Unha tipografía propia dáche moita identidade porque se alguén a recoñece xa sabe dende o primeiro golpe de vista que quen lle está falando é esa entidade. Na actualidade estamos consumindo máis tipografías que antes polo simple feito de que cada vez hai máis pantallas: temos tipografías no móbil, no xornal, polas rúas, na estrada... E a tipografía identifica automaticamente: cando vas no coche e ves un cartel coa tipografía que emprega Audasa xa sabes automaticamente que é un indicador da autoestrada. Se mañá Audasa comezase a usar a Times New Roman a xente desconfiaría. Aí está por exemplo a importancia da tipografía como identidade visual. A tipografía di moito de quen che fala e tamén de como che fala. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.