Os murais "contribúen a crear conciencia cidadá, mellora o desenvolvemento das urbes e favorecen a proxección mundial” dos lugares nos que se realizan, destacan Elena Cortés e Patricia Cupeiro, profesoras do Departamento de Historia da Arte da USC, que coordinan o curso ‘Pegadas no muro: relatos e proxectos de arte urbana’
Dende hai anos paredes e medianeiras de toda Galicia veñen enchéndose de murais de gran tamaño, realizados por artistas do país e doutros territorios. Obras de arte públicas que embelecen os espazos urbanos (e tamén rurais) degradados e que "contribúen a crear conciencia cidadá, melloran o desenvolvemento das urbes e favorecen a proxección mundial” dos lugares nos que se realizan. Así o destacan Elena Cortés e Patricia Cupeiro, profesoras do Departamento de Historia da Arte da USC, que coordinan o Curso de Primavera ‘Pegadas no muro: relatos e proxectos de arte urbana’, un programa organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural que se desenvolverá do 10 ao 12 de abril na Facultade e Humanidades do Campus lucense.
Carballo, Ordes, a Ribeira Sacra, Lugo, Vigo ou o Ferrol das Meninas saben ben dos efectos positivos do muralismo, unha estratexia que nos últimos tempos se espallou por moitísimos máis concellos. O curso que terá lugar en Lugo afondará no impacto cultural e socioeconómico dun fenómeno artístico en auxe e promove a participación de representantes de diferentes colectivos, desde artistas a administracións e mesmo a comunidade educativa, nun foro sobre unha manifestación artística de gran impacto como é a arte urbana.
O muralismo galego está de moda, como quedou demostrado recentemente nos premios Street Art Cities, que na última edición foron copados na categoría de murais por tres creacións realizadas en Galicia
O muralismo galego está de moda, como quedou demostrado recentemente nos premios Street Art Cities, que na última edición foron copados na categoría de murais por tres creacións realizadas en Galicia. A obra que o madrileño Hugo Lomas Sfhir realizou en Fene no marco do I Perla Mural Fest foi elixido mellor mural do mundo; ademais, en segunda e terceira posición aparecen dous muralistas galegos, a viguesa Lula Goce e o lucense Manuel Pallín, Yoe 33, polas súas obras A dona do esteiro e Copora, realizadas na Ramallosa (Nigrán) e Lugo, respectivamente. Na edición anterior 2021, o primeiro premio foi para a obra do Xulio César de Diego AS, un mural que dialoga directamente coa muralla romana de Lugo.
As coordinadoras do curso salientan que a arte urbana, aínda que de xeito indirecto, "está a conseguir dinamizar a oferta cultural de moitas cidades e zonas rururbanas en Europa"
As coordinadoras do curso salientan que a arte urbana, aínda que de xeito indirecto, "está a conseguir dinamizar a oferta cultural de moitas cidades e zonas rururbanas en Europa" e a creación de rutas culturais arredor deste fenómeno reflite "a súa pegada e tamén dá conta do seu crecente impacto económico". Cortés e Cupeiro lembran neste senso que as distintas sesións programadas contarán coa participación de moitos dos artistas galegos xa galardoados polas súas creacións, así como das persoas responsables da organización dos principais eventos e certames de arte urbana en Galicia.
Ademais, o curso permitirá achegarse a experiencias europeas e iberoamericanas coma o muralismo mexicano, da man de Adris Díaz, ou as rutas turísticas de ‘Bogotá Colors’, da man de May Rojas.
As distintas sesións programadas contarán coa participación de moitos dos artistas galegos xa galardoados polas súas creacións, así como das persoas responsables da organización dos principais eventos e certames de arte urbana en Galicia
Así mesmo, salientan a especial implicación do sector artístico na celebración deste monográfico sobre arte urbana. O cartel do Curso de Primavera da USC 2024, obra de Primo Bansky, a ampla participación de relatores e a intervención artística comprometida por Doa Ora nos exteriores da Facultade de Humanidades "proban as sinerxías creadas entre os artistas e o centro universitario lucense", destacan.
A temática da nova edición do Curso de Primavera da USC conecta coa formación que está a recibir o alumnado do grao en Xestión Cultural ao tempo que favorece a reflexión sobre a indiscutible envergadura do patrimonio artístico que atesoura Lugo. De feito, apuntan estas docentes da USC, “a promoción de arte urbana nesta monumental cidade apórtalle unha conexión directa coa escena artística contemporánea”.
“A promoción de arte urbana nesta monumental cidade apórtalle unha conexión directa coa escena artística contemporánea”, destacan
Na primeira xornada, Antonio Alcántara (Universitat de Barcelona) falará sobre Arte, educación e comunidade. Procesos colectivos para a transformación social. E Luzía Oca (USC) afondará no papel da Arte urbana contra a exclusión social nun barrio da Grande Lisboa.
No segundo día do curso Begoña Fernández (USC) falará sobre os Retos para o patrimonio cultural do futuro. A convivencia entre o patrimonio mundial e a arte urbana. O caso da cidade de Lugo. Así mesmo, Clara Rodríguez (7H Cooperativa Cultural) exporá a experiencia do Delas Fest. E Goretti Castro (Estrella Galicia) a de As Estrelas do Camiño. De igual xeito, Alba Díaz (USC) abrirá o debate co seu relatorio Imaxes do rural nos murais urbanos na Galiza. Finalmente, haberá unha mesa redonda que contará coa intervención dos artistas Diego AS e Yoe 33, a artista Pía Piadosa, a profesora Emi de las Heras (EASD Ramón Falcón) e os organizadores dos festivais AS PONTES enPEZAS (Lorena Tenreiro Blanco) e PERLA MURAL FEST (Ramón Pereira e Francisco Lage).
O curso que terá lugar en Lugo afondará no impacto cultural e socioeconómico dun fenómeno artístico en auxe
A derradeira xornada do curso contará cos relatorios de María Vázquez (EASD Ramón Falcón): Mensaxes dende o muro: a arte urbana como comunicación no século XXI; Miguel Anxo Rodríguez (USC): Arte urbana como recurso: entre a identidade e a xentrificación; Aurelia Balseiro (Museo Provincial de Lugo): Arte urbana e muralismo galego. Consolidación e recoñecemento; e Eduardo Hermida (Meninas de Canido): Meninas de Canido. Arte e Barrio.