Pacifismo e compromiso social na nova 'Irimia', agora trimestral e de "lectura pausada"

O número 0 de Irimia, publicado en 1981 e o número actual (1.078), publicado esta primavera © Irimia

A revista publica o seu número 1.078, que introduce cambios estéticos na publicación (32 páxinas a toda cor), que pasa a publicarse cada tres meses nunha aposta pola "análise demorada e a reflexión con densidade"

A finais de 1981 comezou a publicarse a revista Irimia, subtitulada Semanario de crentes galegos e como órgano de expresión da asociación do mesmo nome, nacida en 1978 "coa vontade de colaborar en que a Igrexa de Galicia fora realmente unha Igrexa galega; é dicir unha Igrexa comprometida co seu pobo, a súa lingua e a súa cultura, co súa identidade a súa realidade popular". A publicación pasou por distintas etapas, dende o seu inicio semanal e en pequeno formato; en 1987 pasou a ser quincenal e máis ampla e en 2019 converteuse en mensual. Agora Irimia volve transformarse, cun cambio estético, organizativo e de contidos.

A revista, cunha tirada de 500 exemplares pasa agora a publicarse de xeito trimestral, pero cun deseño máis ambicioso e atractivo (32 páxinas a cor, que serán 36 no vindeiro número) e unha capa con ilustración central que dialoga co tema principal de cada entrega. Os cambios responden a unha "aposta pola lectura pausada" e buscan incidir na "análise demorada e a reflexión con densidade". "Menos números ao ano pero máis fondo", resumen.

Capas da revista Irimia nos anos 80 e na etapa actual CC-BY-SA Montaxe: Praza.gal | Foto e capas: Irimia

Baixo o lema “A Humanidade en pé de Paz”, esta entrega céntrase no rexeitamento da guerra e do militarismo e trata tamén a defensa do rural

A renovación inclúe tamén un cambio importante de maquetación: máis presenza da imaxe, coidado gráfico e unha capa con ilustración central que dialoga co tema principal de cada entrega. "A aposta estética non é superficial: forma parte dunha vontade de facer da revista un obxecto cultural recoñecible e coidado nun tempo de consumo efémero", destacan.

O número que inaugura esta etapa (o 1.078) xira ao redor do pacifismo e do compromiso social. Baixo o lema “A Humanidade en pé de Paz”, céntrase na crítica á guerra e ao militarismo. A entrevista principal é á activista antimilitarista Koldobi Velasco, que analiza o incremento do gasto militar, o papel da OTAN e o impacto das políticas de defensa no Estado español. O tema complétase cunha conversa con integrantes de grupos internacionalistas galegos, que revisan o posicionamento do pacifismo ante os conflitos actuais e cuestionan o relato das chamadas “guerras xustas”. 

"Irimia reafirma así unha liña editorial sostida ao longo de máis de catro décadas: defensa dos servizos públicos, apoio ás loitas en defensa do territorio, aposta pola lingua galega e denuncia das desigualdades estruturais", destacan dende a revista

Ademais, Irimia publica o artigo San como o rural non hai, asinado pola médica Tania Salgueiros desde o Courel. A proposta sitúa o foco na sustentabilidade da vida no rural galego, nun contexto de envellecemento poboacional e perda e servizos, e conecta saúde pública, comunidade e territorio.

O número inclúe tamén reflexións sobre a memoria histórica do movemento cristián galeguista, textos de análise social e seccións habituais de opinión e espiritualidade, mantendo o diálogo entre fe e compromiso cívico que caracteriza a publicación. "Irimia reafirma así unha liña editorial sostida ao longo de máis de catro décadas: defensa dos servizos públicos, apoio ás loitas en defensa do territorio, aposta pola lingua galega e denuncia das desigualdades estruturais", destacan dende a revista.

XXXVI Romaxe de Crentes Galegos organizada por Irimia no Carballiño, nunha imaxe de arquivo © Irimia

A historia da revista está vencellada a figuras como Xosé Chao Rego, un dos impulsores iniciais, e Victorino Pérez Prieto, primeiro director da revista

A historia da revista está vencellada a figuras como Xosé Chao Rego, un dos impulsores iniciais, e Victorino Pérez Prieto, primeiro director da revista. Ao longo dos anos colaboraron nela intelectuais e escritores como Miguel Suárez Abel, Marica Campo, Suso de Toro ou Manolo Rivas.

Desde 2018, ademais, todos os seus números poden consultarse e descargarse libremente na rede grazas ao acordo co Consello da Cultura Galega, que garante a preservación e difusión íntegra da colección.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.