Unha Galicia que le: 850 mil persoas inscritas nas bibliotecas públicas, que seguen sen aumentar o seu persoal

Biblioteca da Cidade da Cultura CC-BY-SA Xunta de Galicia

846.541 galegos e galegas son usuarios e usuarias dalgunha das bibliotecas públicas existentes en Galicia, convertidas deste xeito nun dos entes cunha maior masa social no país

846.541 galegos e galegas son usuarios e usuarias dalgunha das bibliotecas públicas existentes en Galicia, convertidas deste xeito nun dos entes cunha maior masa social no país. Máis de calquera partido político ou sindicato, máis que calquera club deportivo. As estatísticas que periodicamente se publican sobre as bibliotecas públicas confirman unha e outra vez o papel clave que xogan para o acceso á cultura (non só a libros, senón cada vez máis tamén a outros soportes) e á información, comezando polo acceso a Internet. Este verán, un informe do Goberno galego revelou que cada euro investido nas bibliotecas regresa á sociedade multiplicado por catro.

Esta cifra de 850 mil socios e socias significa que practicamente un de cada tres habitantes de Galicia está inscrito nalgunha biblioteca pública, unha cifra que leva tres anos en ascenso, dende o 2020. Nese momento o número de inscritos e inscritas acadou un mínimo na serie histórica recente (757 mil), unha tendencia de descenso que comezara varios anos antes. Porén, dende entón a tendencia deu a volta, con cen mil socios e socias máis que levan a cifra total a niveis superiores aos de 2017 e xa moi próximos aos de 2016 (887 mil).

A Xunta destaca tamén o crecemento dalgunha das iniciativas máis recentes, como a plataforma dixital ‘GaliciaLe’, que nos últimos tres anos medrou nun 57,9%, ata chegar a máis de 51.000 usuarios. Ou as Furgotecas postas en marcha en 2023 en concellos rurais de Lugo e Ourense

Son cifras da estatística de bibliotecas da Xunta de Galicia, que este mércores deu a coñecer a Consellaría de Cultura a través dun informe que destaca o aumento do 4,6% no número de usuarios no último ano, cun incremento moi importante do número de visitantes ás instalacións en 2023 (+13,4%) e unha “significativa alza” no número de préstamos (+12,9%). 

A Xunta destaca tamén o crecemento dalgunha das iniciativas máis recentes postas en marcha, como a plataforma dixital ‘GaliciaLe’, que nos últimos tres anos medrou nun 57,9 %, ata chegar a máis de 51.000 usuarios. Ou as Furgotecas postas en marcha en 2023 en concellos rurais de Lugo e Ourense, que xa expediron 1.394 carnés e realizaron preto de 15.000 préstamos.

Todos estes indicadores amosan a relevancia social que este servizo cultural ten para a maioría da poboación. Porén, hai outros datos que revelan as eivas da rede de bibliotecas, comezando polo déficit de financiamento ou a falta de persoal

Todos estes indicadores amosan a relevancia social que este servizo cultural ten para a maioría da poboación. Porén, hai outros datos que revelan as eivas da rede de bibliotecas, comezando polo déficit de financiamento que teñen as bibliotecas galegas en relación á media española (un 15%). Ou pola ausencia destes equipamentos nuns 90 concellos galegos, sobre todo das provincias de Lugo e Ourense, unha carencia que as furgotecas buscan compensar. 

De igual xeito, nos últimos anos o persoal de bibliotecas veu criticando que o Orzamento da Xunta segue sen recuperar as contías anteriores á crise de 2008. As eivas afectan tamén ao persoal dispoñible ou ás horas e días de apertura das bibliotecas existentes

Beariz ten máis inscritos na súa biblioteca municipal que habitantes ten o concello; en Cedeira o 83% da poboación é socia da biblioteca, na Coruña ó 73% da poboación está na súa potente rede municipal; en Oleiros é o 68%; en Ortigueira o 61% e en Santiago o 57%

Malia estas eivas, as bibliotecas son un elemento popular e de uso masivo. Os datos feitos públicos pola Xunta amosan que o 30% da poboación é socio ou socia dalgunha dela, unha porcentaxe que nalgúns concellos é mesmo superior. No mapa destacan casos coma os de Beariz, con máis inscritos na súa biblioteca municipal que habitantes ten o concello; Cedeira, onde o 83% da poboación está inscrita na biblioteca municipal, A Coruña (73% na súa potente rede municipal, con varios centros distribuídos polos barrios da cidade), Oleiros (68%), Ortigueira (61%) ou Santiago de Compostela (57%).

Hai tamén datos sobre as visitas ás bibliotecas, unha lista encabezada por Salceda de Caselas, Beariz, Cenlle, A Mezquita e Corcubión, con máis de cinco visitas anuais por habitante ao longo do ano.

As bibliotecas son un espazo no que estar (para ler, estudar, mirar prensa e revistas, escoitar música, consultar internet...) pero tamén para realizar préstamos de materiais para levar a casa. A Xunta ofrece tamén datos sobre os préstamos realizados no ano 2023, un total de 429.780, a cifra máis elevada dende o ano 2019. E tamén sobre os concellos cun maior número de materiais prestados.

A lista está encabezada por por Ortigueira con máis de dous mil préstamos por cada mil habitantes, seguida de Beariz, Oleiros e Neda, concellos todos que roldan os dous préstamos por habitante. As cidades da Coruña e Santiago tamén aparecen nos primeiros lugares.

Ortigueira, Beariz, Oleiros e Neda son os concellos cuxas bibliotecas realizan máis préstamos en relación á súa poboación

Os fondos totais das bibliotecas públicas galegas superan os 1,27 millóns de exemplares (entre libros, publicacións periódicas, discos, películas...), cun ascenso lento pero sostido nos últimos anos. En 2023 houbo máis de 68 mil altas de novos fondos, a cifra máis alta cando menos dende o ano 2015. Beariz é a biblioteca municipal cun maior número de obras en relación á poboación do concello (máis de 13 unidades por habitante). Pero no que atinxe ás novas adquisicións, foron As Somozas e Ribadeo quen máis reforzaron as súas bibliotecas.

Neste momento, traballan nas bibliotecas galegas unhas 770 persoas, algo máis que o ano pasado (754), pero por debaixo das cifras de 2016 (824)

Porén, non todo son indicadores positivos. Galicia está por debaixo da media estatal en todos os indicadores agás no número de documentos por habitante e nas adquisicións de documentos por cada 1.000 habitantes. 

Os datos da Xunta amosan que o persoal que atende as bibliotecas se mantén estancado dende hai anos, con leves oscilacións, e con cifras que fican lonxe do nivel existente por exemplo no ano 2016. Neste momento, traballan nas bibliotecas galegas unhas 770 persoas, algo máis que o ano pasado (754), pero por debaixo das cifras de 2016 (824).

Dese persoal tan só unha pequena parte (o 27%) ten a condición de bibliotecario profesional, con categoría A1 ou A2 e a maioría, ao redor da metade é persoal auxiliar de bibliotecas, con categorías C1 e C2. Nos últimos anos, entidades como Bamad-Galicia, Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia, veñen reclamando un reforzo do persoal, salientando que "non é suficiente con investir en boas coleccións, boas infraestruturas, boas ferramentas de traballo, se non contamos con persoal debidamente cualificado que lles dea sentido". 

O financiamento público que reciben as bibliotecas públicas galegas está moi por debaixo da media estatal, en concreto un 15%

Este reforzo de persoal debe vir precedido dun reforzo orzamentario. O financiamento público que reciben as bibliotecas públicas galegas está moi por debaixo da media estatal, en concreto un 15%. Galicia destina nove euros por habitante ás bibliotecas, 1,63 euros menos que no conxunto do Estado (10,63 euros). BAMAD fai fincapé "na necesidade de mellorar as partidas orzamentarias, e no necesario control das políticas e accións levadas a cabo polos concellos".

Máis persoal redunda nun mellor servizo de biblioteca e, ademais, en bibliotecas que emprestan estes servizos máis días á semana e máis horas cada día, o que facilita o seu uso por parte da poboación. 242 concellos contan con biblioteca pública, pero nos casos de moitas localidades pouco poboadas e con bibliotecas con baixos orzamentos, estas abren poucos días á semana ou poucas horas cada día.

Tan só en 69 concellos as bibliotecas abren máis de 260 días ao ano, o que equivale a cinco días á semana (sen contar festivos e vacacións)

Tan só en 69 concellos as bibliotecas abren máis de 260 días ao ano, o que equivale a cinco días á semana (sen contar festivos e vacacións). Noutras 84 localidades o número de días de apertura sitúase entre 230 e 260, o que podería equivaler a unha apertura de cinco días semanais cun mes de peche por vacacións no verán. Outros 40 concellos sitúanse entre 200 e 230 días de apertura ao ano e 19 máis aparecen cunha media inferior.

En canto ás horas de apertura, en 44 concellos a media supera as 40 horas semanais (8 horas diarias, cinco días á semana) e outros 74 fican entre 30 e 40 horas. Unhas 80 localidades sitúanse entre 20 e 30 horas e en 16 casos a media de horas de apertura á semana está por debaixo das 20 horas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.