David Lombao

Unha ducia de temas que serán noticia durante 2018

Vivimos tempos ben acelerados nos que é difícil predicir que é o que vai pasar dentro dunha semana. Así e todo, igual que nos resumos do ano que vén de rematar había novas practicamente imprescindibles, no 2018 acabado de estrear xa podemos prever asuntos aos que imos prestarlles atención. Velaquí un primeiro guieiro.

  1. 01

    Candidaturas municipais

    As vindeiras eleccións municipais son na primavera de 2019, pero este será o ano no que as formacións políticas definan, moi maioritariamente, quen integrarán as súas candidaturas. Terán especial atención as decisións ao respecto nas sete principais cidades, actualmente gobernadas maioritariamente pola esquerda.

  2. 02

    Mudanzas no Goberno galego

    As anteriores eleccións municipais desencadearon a mudanza máis profunda na estrutura e nas persoas responsables do Goberno galego dende que o preside Alberto Núñez Feijóo. Con toda probabilidade, algunhas das apostas do PP para tentar recuperar parte do poder municipal perdido en 2015 provocarán a saída do Executivo dun ou varios conselleiros.

  3. 03

    A investigación política de Angrois

    No outono de 2017 as vítimas do accidente ferroviario de Angrois lograron que o Congreso aprobase a apertura da comisión de investigación política que estiveran reclamando durante catro anos. Malia á ralentización dos trámites, é previsible que este órgano parlamentario comece os seus traballos neste 2018 mentres, ao tempo, continúa a instrución xudicial.

  4. 04

    O futuro de Catalunya

    Neste mesmo mes de xaneiro coñeceremos o destino máis inmediato da política catalá coa elección dos órganos do Parlament no que o soberanismo conta con maioría absoluta e Ciudadanos é o grupo máis numeroso. Xusto a continuación chegará o debate de investidura, inevitablemente marcado pola ausencia de Carles Puigdemont, a permanencia en prisión preventiva de líderes independentistas e o resto de procesos xudiciais abertos.

  5. 05

    A loita contra a violencia machista

    O remate de 2017 e o comezo de 2018 estiveron inevitablemente marcados en Galicia pola constatación de que a moza Diana Quer foi asasinada. As mobilizacións de repulsa ante este crime lembraron que, inevitablemente, a loita contra a violencia de xénero volve estar na axenda un ano máis.

  6. 06

    A herdanza dos Franco

    Tras o falecemento da filla do ditador, no inicio de 2018 coñecerase onde vai parar a súa herdanza, na que figura un substancioso patrimonio e, formalmente, tamén bens tan controvertidos como o Pazo de Meirás, a casa Cornide da Coruña ou as figuras do Mestre Mateo, reclamadas nos tribunais polo Concello de Santiago.

  7. 08

    Das autoestradas ao tren

    O 2018 haberá que ter, un ano máis, un ollo pendente no incompleto mapa das infraestruturas galegas. Tras a inauguración por partida dupla das ampliacións da AP-9 en Vigo e Santiago resta saber cando se aplicará a segunda suba de peaxes do ano, o 2018 será o ano no que o AVE da Meseta chegue a Sanabria e, segundo o previsto, tamén cando se poña en servizo o primeiro treito do Corredor do Morrazo xa desdobrado en autovía.

  8. 09

    O futuro do monte

    Cando o Parlamento retome a súa actividade ordinaria, a mediados de xaneiro, botará a andar tamén a comisión de estudo sobre os incendios forestais, da que deberan saír medidas para a reordenación do monte e prevención do lume, algunhas delas en axenda dende hai varias décadas. Este órgano traballará mentres avanza o proceso para a elaboración do novo plan forestal de Galicia, na que o espazo que se conceda ao eucalipto concentrará boa parte das olladas mentres en Portugal entra en vigor o veto á súa expansión.

  9. 10

    Un ollo no deporte galego

    A evolución dos últimos meses dalgúns dos principais equipos do país provocará, con toda seguridade, que haxa que ter un ollo posto no seu labor no que resta de cadansúas temporadas. Achegarase o Celta a postos europeos? Escapará o Dépor da zona de descenso? O Lugo rematará a temporada en zona de ascenso? O Obradoiro terá o vindeiro ano a compaña do Breogán ou doutro galego na ACB? Vero Boquete volverá ser internacional? Os interrogantes non son poucos!

  10. 11

    Ano de aniversarios

    O 2018 é tamén un ano de aniversarios. Cumpriranse 100 anos dende que os persoeiros das Irmandades da Fala asinaron o histórico Manifesto de Lugo, pero tamén da posta en marcha do primeiro autobús de liña en Galicia, o Castromil entre Santiago e Pontevedra. Este ano tamén chegaremos ao 85º aniversario do recoñecemento de Galicia na Sociedade de Nacións e ao medio século do histórico maio do 68, que en Galicia tivo a súa propia versión nas loitas ligadas á universidade compostelá e a colectivos como Voces Ceibes.

  11. 12

    Eurovisión en Portugal!

    Do 8 ao 12 de maio Lisboa tornará na capital musical (ou televisiva, ou do espectáculo...) europea coa celebración da fase final do festival de Eurovisión, ese evento que suscita paixón e aborrecemento a partes iguais. A espera polo festival estará, inevitablemente, marcada pola evolución do estado de saúde do gañador de 2017, Salvador Sobral.