Facebook e os seus servizos Instagram e WhatsApp sofren unha caída a nivel global. O sitio web Downdetector permite facer seguimento destas caídas.
Fálase
A Axencia Europea do Medicamento dá o visto e prace ás doses de reforzo da vacina da COVID de Pfizer e Moderna para persoas inmunodeprimidas como as que xa se están administrando e deixa nas mans das autoridades sanitarias de cada Estado membro da UE a posibilidade de administrar a terceira dose á poboación xeral. Tras avaliar a eventual terceira dose da vacina de Pfizer, conclúe que, de seren administradas, terían que inxectarse como mínimo 6 meses despois da segunda e a maiores de 18 anos. O comunicado enteiro pódese ler nesta ligazón
A Xustiza italiana suspende a extradición de Carles Puigdemont reclamada polo Tribunal Supremo español ata que o Tribunal de Xustiza da UE resolva sobre as cuestións formuladas polo xuíz Llarena a respecto deste caso. O ex-presidente catalán foi detido e posto en liberdade o pasado setembro en Sardeña. [Imaxe: © TV3]
PARO REXISTRADO | As inscricións nas oficinas de emprego aumentaron en 1.790 durante o mes de setembro en Galicia, unha das únicas tres comunidades autónomas nas que aumentou o paro rexistrado, que caeu un 2,28% mensual no conxunto do Estado. Queda así en 153.054 persoas, un 13,32% menos que no mesmo mes de 2020. A afiliación media á Seguridade Social descendeu en 5.241 persoas, unha caída mensual do 0,5% mentres que a media estatal é de +0,3%. O total de afiliación media (1,034 millóns de persoas) é un 2,22% máis que o de hai un ano.
#PandoraPapers A investigación dos Papeis de Pandora revela os negocios e fondos ocultos en paraísos fiscais de centos de cargos políticos, empresarios e figuras de diversos ámbitos en todo o mundo. A pescuda en torno á maior filtración xornalística da historia está coordinada polo Consorcio Internacional de Xornalistas de Investigación (ICIJ), que traballou en alianza con 150 medios de comunicación en todo o mundo. Entre eles, figuran El País, laSexta ou o portugués Expresso. (Imaxe: ©ICIJ)
Google dedica o seu doodle de hoxe á oceanógrafa ferrolá Ángeles Alvariño, que naceu en Serantes o 3 de outubro de 1916. A investigadora galega foi unha experta mundial en zooplancto, descubrindo un total de 22 novas especies e, ademais, superou moitos obstáculos polo feito de ser muller, abrindo camiño nun ámbito puramente masculino ata a súa chegada. Este ano deu nome á lei, aprobada polo Parlamento galego a iniciativa do BNG, para a igualdade entre homes e mulleres na investigación
Este sábado pechou o derradeiro dos grandes espazos de vacinación galegos, que en conxunto administraron nos últimos meses o 85,5% das doses das vacinas contra a COVID que serviron para inmunizar 2.250.000 persoas en Galicia. Nunha visita ao centro situado en Expocoruña, o conselleiro de Sanidade agradeceu "o esforzo e traballo" de todo o persoal implicado no Plan galego de vacinación
O Concello de Pontevedra pon en marcha a mostra ‘cantáMOLA en galego’, que se moverá polos centros de ensino da localidade e que busca achegarlle á xente nova a musica feita en galego ao longo das dúas primeiras décadas do século XXI. Ademais de paneis e unha unidade didáctica, a iniciativa inclúe listas de reprodución en Spotify e en Youtube.
O IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) celebra o seu 30 aniversario cun acto no Consello da Cultura Galega no que participan algúns dos seus investigadores e colaboradores e tamén reprensentantes do mundo da política, a cultura ou os negocios. Nesta ducia repasamos algúns dos principais fitos das tres décadas de actividade deste think tank galego especializado na análise xeopolítica internacional.
O Ministerio para a Transición Ecolóxica abre unha consulta pública para a reforma da tarifa da luz.