O risco de incendios segue sendo extremo na maior parte de Ourense neste remate de agosto, coa época de perigo alto declarada ata o 30 de setembro.
Fálase
As fins de semana de agosto, Praza.gal non se actualiza por descanso do persoal. Pero deixamos moito para ler e o luns estamos de volta :)
CIG, CCOO, STEG e CSIF acordan un calendario conxunto de mobilizacións no ensino que incluirá dúas xornadas de folga coincidindo co inicio do curso escolar. As convocatorias e datas previstas serán anunciadas publicamente este luns 31 de agosto. Os sindicatos denuncian "a actitude da Consellaría de Educación, coa imposición unilateral dun protocolo que supón unha irresponsabilidade na xestión dos centros educativos"
A Consellería de Sanidade anuncia novas restricións para os concellos de Lugo e Arteixo, polo incremento de casos que se están rexistrando nos últimos días. Na cidade de Lugo as reunións sociais limítanse a un máximo de 10 persoas e redúcese ao 50% a capacidade de establecementos e espazos pechados. En Arteixo e no barrio lucense da Milagrosa, cunha maior incidencia, as restricións son maiores, con reunións sociais limitadas a 5 persoas; ademais, bares e restaurantes só poderán servir en terraza. Ampliamos aquí a información.
O Tribunal Superior ratifica as restricións da Xunta na Coruña fronte á petición da hostalería de paralizalas, que xa obtivera un primeiro rexeitamento xudicial cautelarísimo hai dúas semanas.
Nun comunicado o Deportivo da Coruña promete "seguir pelexando" na procura da "verdadeira xustiza", unha vez consumado "un atropelo sen precedentes". O Consello Superior de Deportes validou a decisión adoptada pola Liga de deixar o Fuenlabrada sen castigo, o que supón o descenso a Segunda B do equipo galego. O clube afirma que traballará "dende xa sen descanso para regresar ao fútbol profesional no terreo de xogo".
O comisario europeo de Comercio, Phil Hogan, dimite tras incumprir as restricións polo coronavirus durante as súas vacacións na súa Irlanda natal.
O persoal técnico de incendios mantén a folga iniciada o pasado 1 de agosto, que acompaña de concentracións en varias cidades galegas e que conta con servizos mínimos próximos ao 100%. Reclaman un reforzo do persoal pero as súas demandas pasan por un novo modelo de prevención e extinción do lume en Galicia.
O Sindicato de Estudiantes convoca unha folga en toda España para os días 16, 17 e 18 de setembro polas condicións nas que comeza o curso debido á crise do coronavirus. Acusa de "desidia" ao departamento dirixido por Isabel Celáa e asegura, nun comunicado emitido este mércores, que "con esta actitude, o Ministerio de Educación dá luz verde á dereita para que continúe coa súa política de privatización e recortes do ensino público nas comunidades autónomas que goberna, e renuncia a garantir unhas condicións dignas para volver ás aulas".
O 70% da poboación española poría unha vacina contra o coronavirus, segundo o estudo COSMO-Spain sobre a percepción da COVID-19 publicado este martes. Así mesmo, o 59% amósase disposta a descargar a app Radar-Covid para facilitar o rastrexo de contactos de persoas contaxiadas. A enquisa revela a confianza no persoal sanitario e investigador e o apoio ás medidas máis restritivas para controlar a enfermidade