Desde este xoves pódese pedir cita previa para presentar de xeito físico, a partir do próximo martes, a declaración da renda nas oficinas da Axencia Tributaria. Estas son as novidades da campaña deste ano.
Fálase
Alfredo Pérez Rubalcaba, en estado grave tras sufrir un ictus, segundo informa El Mundo.
Este mércores celébrase en Pontevedra a gala final dos Premios Martín Códax da Música Galega. Repasamos neste espazo unha ducia de artistas e traballos finalistas. A gala pódese seguir ao vivo dende as 21h na web oficial dos premios.
Miquel Iceta será o novo presidente do Senado. Fontes do PSOE confirman que a dirección socialista propón o primeiro secretario do PSC para presidir a Cámara Alta, na que agora a formación que encabeza Pedro Sánchez ten maioría absoluta. Pode selo sendo elixido senador por designación do Parlamento catalán. Informa eldiario.es
A meirega que triunfa no Instagram con imaxes de maquinaria e traballo agroforestal. Vinte preséntanos a Laura Vallejo: “Hai quen aforra para comprar un bolso, eu aforro para unha boa motoserra”, explica.
Pedro Sánchez e Pablo Iglesias fan ver vontade de acordo entre PSOE e Unidas Podemos ás portas da campaña das eleccións municipais, que tamén son autonómicas nunha ducia de comunidades. Tras o encontro na Moncloa ambas formacións dan por feito que as negociacións para a investidura e o novo Goberno de España non serán abordadas ata despois do 26M
Detido por un presunto caso de violencia machista o profesor da USC Luciano Méndez, que defendera publicamente a La Manada. É unha información adiantada pola axencia Europa Press que recolle eldiario.es
26M | Os alcaldes de Santiago e Teo avanzan que defenderán en campaña a aprobación no vindeiro mandato dun protocolo de fusión de ambos concellos que despois sería sometido á votación da veciñanza. Martiño Noriega e Rafael Sisto manteñen este serán na sede de Compostela Aberta un encontro público sobre este proxecto. Noriega vén apostando por estender o debate da fusión no vindeiro mandato tamén cara a Ames.
Reino Unido ratifica que celebrará as eleccións europeas porque "non queda tempo" para aplicar antes o Brexit. O electorado británico estará chamado ás urnas o 23 de maio.
O pleno da Coruña aproba o modificativo de crédito co que o goberno local sufragará a indemnización que pon fin ao litixio do edificio Conde de Fenosa. O modificativo ascende a un total de 14 millóns que inclúen tamén gastos de persoal e convenios con varias entidades da cidade. Recibiu os votos a prol de Marea Atlántica e PSdeG, mentres que o BNG se abstivo e o PP votou en contra.