Hai 38 anos, o 14 de setembro de 1985, inaugurábase a ponte da Illa de Arousa, que a uniu ao continente. Este vídeo de Ferrovial, responsable das obras, fai un percorrido polos traballos de construción da infraestrutura.
Fálase
A familia do operario morto na refinería o pasado ano na Coruña exixe que se asuman "responsabilidades". Medio cento de persoas concentráronse ante os xulgados polo inicio das declaracións de representantes de Repsol e da empresa Nervión. Foto: CC BY-NC-SA Galiza Contrainfo.
Luar regresa sen Gayoso á TVG. O lonxevo presentador causará baixa durante unhas semanas no inicio do que será a 32ª tempada do programa, tras máis de tres décadas de emisión só interrompidas por causas alleas á CRTVG pola folga do persoal dos medios públicos. Dúas veces foi cancelado este ano por mor do paro.
Alumnado do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstolo visita estes días o país e versiona a canción 'Terra', das Tanxugueiras, no seu encontro co presidente da Real Academia Galega. Cantan as alumnas Lourdes Gómez Bermúdez e Maite Mercado e, na coreografía, están os seus compañeiros Bautista Rojas, Nicolás Basovnik e Candela Doural Oubiña, como se pode ver no vídeo compartido pola RAG. Víctor F. Freixanes agradeceu o labor do profesorado que fai posible gañar para a cultura galega novas xeracións que viven á outra beira do Atlántico.
Suecia enfría as posibilidades de que o galego sexa oficial na UE e recoñece que ten dúbidas sobre a modificación do regulamento para que a lingua galega, o vasco e o catalán tornen en oficiais nas institucións comunitarias. A reforma da normativa require da unanimidade dos 27 estados membros da Unión Europea.
Un tema de Baiuca, protagonista no evento de presentación do novo Apple Watch. A multinacional emprega unha versión de Mangüeiro para introducir o acontecemento.
Agustín Hernández, ex-conselleiro e ex-alcalde de Santiago, deixa a presidencia do Consello Económico e Social, na que o recolocara Feijóo en 2019 tras non recuperar a alcaldía compostelá. Hernández foi director xeral de Obras Públicas con Fraga entre 1998 e 2005, conselleiro de Medio Ambiente e Infraestruturas de 2009 a 2014 e alcalde de Santiago entre ese ano e 2015.
O galego poderá falarse no Congreso xa o vindeiro martes, antes mesmo de que se aprobe a reforma que permitirá oficializar o seu uso. A Mesa adoptou este mércores un acordo, co voto en contra do PP, para que galego, vasco e catalán poidan usarse na Cámara Baixa e a tradución garantirase cos intérpretes que traballan xa no Senado.
O telescopio espacial James Webb da NASA detecta dióxido de carbono e metano na atmosfera do exoplaneta K2-18b, que se atopa a aproximadamente 120 anos luz da Terra. "Un mundo potencialmente habitable ao redor de oito veces máis grande que a Terra", sinalan desde a axencia espacial estadounidense, que tamén apunta a que este exoplaneta podería estar cuberto de océano, cunha atmosfera rica en hidróxeno. Cuestións que o equipo de científicos do James Webb tratará de comprobar analizando os novos datos que obteñan do telescopio. [Imaxe: Ilustración: NASA, CSA, ESA, J. Olmsted (STScI); Ciencia: N. Madhusudhan (Cambridge University)]
Os letrados do Congreso advirten de que é "moi difícil, se non imposible" que se use o galego no Congreso "a curto prazo". Así o aseguran nunha carta á Mesa, que hoxe analiza a reforma do regulamento rexistrada por PSOE, Sumar, BNG, ERC, Bildu e PNV para permitir o uso de galego, vasco e catalán na Cámara Baixa. "Obriga a reformular todos os procedementos parlamentarios", avisan.