Falece a poeta e académica Luz Pozo Garza aos 97 anos de idade. (Imaxe: RAG)
![](https://praza.gal/media/cache/live_image/uploads/image-gallery-2020-04-20t120535267-23f9b18.jpeg)
Falece a poeta e académica Luz Pozo Garza aos 97 anos de idade. (Imaxe: RAG)
O tráfico caeu un 74% nas estradas autonómicas de alta capacidade durante o estado de alarma, segundo informa a Xunta este domingo, en liña co descenso no resto de infraestruturas e medios de transporte.
A Xunta dita “orientacións provisionais” para o ensino e a CIG critica que non aclara nada. O ministerio ten pendente concretar oficialmente o acordo acadado coas autonomías para facilitar que o alumnado pase de curso e basear as notas nos dous primeiros trimestres.
Retiradas 82.291 máscaras sanitarias remitidas polo Ministerio de Sanidade ao Sergas por "non cumprir coas esixencias que determina o Instituto de Seguridade e Hixiene no Traballo", segundo constatou o Ministerio de Traballo, que advertiu de que "un par de lotes dun provedor autorizado" poderían non cumprir coa normativa europea e, finalmente, un lote cumpríaa e outro, non. O Ministerio de Sanidade ordenou a súa retirada e o Sergas indica que "en canto se tivo comunicación do Ministerio, paralizouse a súa distribución". Foran usadas, cando menos, no hospital de Ourense. O ministro de Sanidade confirmouno en rolda de prensa. Imaxe divulgada en Twitter por @EnfrmraSaturada
A Audiencia Provincial de Madrid reabre o caso do asasinato de 'Jimmy' por parte de ultras do Atlético de Madrid. Unha testemuña afirma que oíu un dos supostos autores presumir do asasinato do seareiro deportivista. O xuíz pechara a instrución hai case dous anos sen idenficar ningún culpable.
Feijóo acusa o Goberno central de "intervir algunhas redes sociais" cun "poder exorbitante" que "nos afecta a calquera usuario dun móbil en España" aproveitando o coronavirus. Tras a reunión do Consello, o presidente da Xunta asegura que se "están producindo cousas que nunca se produciran en España".
A Xunta autoriza que a carne protexida como Ternera Gallega poida tamén venderse conxelada polas restricións de comercialización polo coronavirus, algo non permitido orixinalmente polas normas da indicación xeográfica protexida. Esa carne sometida a conxelación poderá comercializarse ao consumidor final baixo esa indicación ata o 31 de decembro, segundo se publica este venres no DOG.
A Xunta amplía do 30 de abril ao 30 de xuño o prazo para que as persoas paradas renoven as súas demandas de emprego, trámite periódico necesario para cobrar as prestacións. Así o publica este venres no Diario Oficial de Galicia.
Suspendido polo coronavirus o Festival da Poesía do Condado, que se ía celebrar en Salvaterra o 4 e 5 de setembro. A SCD do Condado explica que "poderíamos tomar a decisom de nos arriscarmos" a mantelo "ainda havendo a possibilidade de que nom puidesse celebrar-se", se ben consideran inviable facelo ante a posibilidade de que o evento cadre no tempo con outras citas do verán adiadas para setembro pola pandemia. A 34ª edición do festival, subliñan, fica adiada para 2021.
A deputada coruñesa do PP Tristana Moraleja critica no Congreso que “na canle oficial de Twitter de RTVE” se invita a seguir a Pablo Iglesias ou o PSOE cando é a propia rede social a que fai esas suxestións automaticamente, matiz co que lle vén de contestar oficialmente o ente público, que a remite a ela e os outros cinco deputados que formularon a pregunta a revisar a axuda de Twitter.