A Xunta amplía do 30 de abril ao 30 de xuño o prazo para que as persoas paradas renoven as súas demandas de emprego, trámite periódico necesario para cobrar as prestacións. Así o publica este venres no Diario Oficial de Galicia.
![](https://praza.gal/media/cache/live_image/uploads/emprego-f5af94b.jpeg)
A Xunta amplía do 30 de abril ao 30 de xuño o prazo para que as persoas paradas renoven as súas demandas de emprego, trámite periódico necesario para cobrar as prestacións. Así o publica este venres no Diario Oficial de Galicia.
Suspendido polo coronavirus o Festival da Poesía do Condado, que se ía celebrar en Salvaterra o 4 e 5 de setembro. A SCD do Condado explica que "poderíamos tomar a decisom de nos arriscarmos" a mantelo "ainda havendo a possibilidade de que nom puidesse celebrar-se", se ben consideran inviable facelo ante a posibilidade de que o evento cadre no tempo con outras citas do verán adiadas para setembro pola pandemia. A 34ª edición do festival, subliñan, fica adiada para 2021.
A deputada coruñesa do PP Tristana Moraleja critica no Congreso que “na canle oficial de Twitter de RTVE” se invita a seguir a Pablo Iglesias ou o PSOE cando é a propia rede social a que fai esas suxestións automaticamente, matiz co que lle vén de contestar oficialmente o ente público, que a remite a ela e os outros cinco deputados que formularon a pregunta a revisar a axuda de Twitter.
A Xunta aproba definitivamente o plan de infraestruturas dos Peares e publica os nomes dos propietarios afectados. Feijóo presentou en decembro o plan que “deixa planificados preto de 15 millóns de investimento” na súa vila natal.
A Xunta prorroga seis meses o recoñecemento das e dos deportistas de alto nivel de Galicia polo coronavirus. Máis dun cento de deportistas aos que vencía o recoñecemento ao longo deste 2020 veno ampliado medio ano, desde a saltadora Ana Peleteiro ata o piloto de rally Adrián Díaz.
O Goberno central aprobará a renda mínima en maio, segundo adiantan El Confidencial e Público. Os ministros Iglesias e Escrivá presentarán este xoves unha medida na que levaban semanas traballando e que adianta o ingreso mínimo vital que o PSOE e Unidas Podemos pactaran no acordo de goberno.
O CIS pregunta "quen preferiría" a cidadanía que presidise o Goberno de España na crise do coronavirus e un 1% sinala a Feijóo. Nesta pregunta do barómetro (26R), publicado este mércores, a opción preferida é Pedro Sánchez cun 35% seguido de Pablo Casado, cun 12%. Alén de líderes actuais de forzas políticas estatais, figuran Feijóo e o presidente cántabro, Miguel Ángel Revilla.
O Ministerio de Educación e as comunidades autónomas pactan que o curso escolar remate no mes de xuño e que haxa actividades opcionais de reforzo en xullo. A norma xeral será a promoción do alumnado ao curso seguinte, agás os casos excepcionais que decida o profesorado. A avaliación, con nota, farase tendo en conta o traballo dos dous primeiros trimestres, mentres que o realizado durante o confinamento servirá para mellorar as cualificacións. Ampliamos a información neste espazo
Feijóo avanza que comparecerá "neste mes de abril" na Deputación Permanente do Parlamento sobre o coronavirus. Toda a oposición solicitou o o pasado día 6 que o fixese a respecto da situación da pandemia nas residencias. Tras as reiteradas reclamacións das forzas da esquerda, o presidente da Xunta di que volverá manter videoconferencias co resto de forzas políticas cando, nas conferencias de presidencias autonómicas con Pedro Sánchez, se adopten acordos. Inicialmente, o acordado é que estes encontros fosen semanais. O máis destacado da súa intervención, esta tarde en Praza.gal
Adif inicia as probas de carga dos viadutos do AVE entre Seabra e Ourense. A empresa pública retoma traballos no último treito da liña coa Meseta, aínda nunha fase previa á proba dos sistemas de seguridade que xa se está a facer entre Seabra e Zamora.