O CIS pregunta "quen preferiría" a cidadanía que presidise o Goberno de España na crise do coronavirus e un 1% sinala a Feijóo. Nesta pregunta do barómetro (26R), publicado este mércores, a opción preferida é Pedro Sánchez cun 35% seguido de Pablo Casado, cun 12%. Alén de líderes actuais de forzas políticas estatais, figuran Feijóo e o presidente cántabro, Miguel Ángel Revilla.
Fálase
O Ministerio de Educación e as comunidades autónomas pactan que o curso escolar remate no mes de xuño e que haxa actividades opcionais de reforzo en xullo. A norma xeral será a promoción do alumnado ao curso seguinte, agás os casos excepcionais que decida o profesorado. A avaliación, con nota, farase tendo en conta o traballo dos dous primeiros trimestres, mentres que o realizado durante o confinamento servirá para mellorar as cualificacións. Ampliamos a información neste espazo
Feijóo avanza que comparecerá "neste mes de abril" na Deputación Permanente do Parlamento sobre o coronavirus. Toda a oposición solicitou o o pasado día 6 que o fixese a respecto da situación da pandemia nas residencias. Tras as reiteradas reclamacións das forzas da esquerda, o presidente da Xunta di que volverá manter videoconferencias co resto de forzas políticas cando, nas conferencias de presidencias autonómicas con Pedro Sánchez, se adopten acordos. Inicialmente, o acordado é que estes encontros fosen semanais. O máis destacado da súa intervención, esta tarde en Praza.gal
Adif inicia as probas de carga dos viadutos do AVE entre Seabra e Ourense. A empresa pública retoma traballos no último treito da liña coa Meseta, aínda nunha fase previa á proba dos sistemas de seguridade que xa se está a facer entre Seabra e Zamora.
O DOG publica unha convocatoria de axudas de 2,5 millóns de fondos europeos para empresas que se reorganicen para fabricar equipamento sanitario, anunciadas pola Xunta hai un mes.
O debate sobre a terceira prórroga do estado de alarma polo coronavirus celebrarase no Congreso o vindeiro día 22. Pedro Sánchez xa avanzou en varias ocasións que solicitaría novas prórrogas con independencia de que as medidas de confinamento poidan variar.
A Xunta divulga un correo electrónico para poñer en contacto a distribuidores e produtores agrarios de proximidade. Medio Rural publica este martes no DOG unha orde coa que se compromete a publicitar unha canle alternativa de comercialización que denomina Mercaproximidade para produtores agrogandeiros que tiñan na hostalería e os mercados locais o 50% das súas vendas
Os autónomos cobrarán este venres 17 de abril o paro por cesamento de actividade debido ao coronavirus. Os traballadores que teñen recoñecida esta prestación cobrarán xa esta semana, unha das medidas a prol deste colectivo implantada polo Goberno central. En Galicia, a Xunta obvia as axudas directas doutros territorios.
WhatsApp evidencia nun comunicado oficial que é mentira que estea a "censurar" determinados contidos nas mensaxes ao fío da crise do coronavirus. No mesmo texto, a compañía propiedade de Facebook explica como funciona o límite ao reenvío dunha mesma mensaxe máis de cinco veces con independencia do texto ou imaxe e lembra en que consisten os servizos de consulta para detectar informacións falsas.
A Zona Franca de Vigo merca ao Concello por 5,6 millóns o edificio do antigo reitorado. O delegado do Estado, David Regades, e o alcalde, Abel Caballero, poñen fin ante notario a un proceso lanzado hai dous anos para trasladar a sede institucional do consorcio ao centro da cidade.