A Xunta corrixe nun novo DOG extraordinario as restricións de restaurantes e bares para que na véspera de Reis non teñan que pechar ás doce da noite senón á 1 da madrugada. Ata agora a orde que regulaba o sector fixaba nas doce da noite a hora máxima de peche como norma xeral agás nas noites de venres a sábado e de sábado a domingo, e agora inclúe tamén a nova excepción das “vésperas de festivos”. Non muda nada das restricións de pubs, que poden abrir ata as 3 da madrugada.
Fálase
O Museo do Mar de Vigo prorroga dous meses máis, ata o 31 de marzo, a mostra sobre Antonio Palacios que ía rematar o 31 de xaneiro. Así o anunciou a Xunta este domingo, ao tempo que informou de que durante 2021 as actividades do museo recibiron un total de 31.000 visitas.
Un incendio no garaxe dun cuarto soto dun edificio do barrio vigués de Navia deixa varios bombeiros e 16 vehículos afectados. O fume foi visible a primeira hora desta mañá desde varios puntos da cidade e ata o lugar desprazáronse catro vehículos de bombeiros.
Morre aos 89 anos Manuel Charlín, patriarca dun dos principais clans do narcotráfico galego, que seguía pendente da xustiza. Na imaxe, Charlín captado pola TVG no xuízo da Operación Nécora, en 1994.
🎄Durante o Día de Aninovo, Praza non se actualiza por descanso do persoal. Pero deixamos moito para ler e o domingo, día 2, estamos de volta. Boas festas!
O derbi entre o Obradoiro e o Breogán previsto para este luns día 3 de xaneiro queda aprazado ante a aparición de novos positivos por COVID no equipo compostelán.
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, comparte unha mensaxe de fin de ano na que salienta o traballo “imprescindible” do persoal sanitario e aposta para 2022 por unha defensa dos servizos públicos e “polo benestar dos maiores, pola sanidade e a educación públicas ou polos mozos e mozas deste páis".
O Tribunal Superior autoriza a Xunta a vetar os encontros entre persoas non conviventes dende o peche dos pubs (3 da madrugada) e ata as 6 da mañá tanto na rúa como en espazos privados. O TSXG xustifica o aval polo "relevante risco" de transmisión da COVID e porque, dadas as excepcións e as horas da limitación, é unha medida "eficaz" que supón unha "limitación tenue" do dereito de reunión. Así e todo, a resolución reflicte que o Goberno sustentou a petición cun informe "completamente orfo de identificación dos informes e estudos que se empregan como base das afirmacións nel recollidas" e con "ausencia de motivación na petición das medidas solicitadas". O mesmo auto autoriza a extensión do certificado COVID nos bares a todo o seu horario de apertura.
A Xunta ten previsto aplicar a medida dende as 00:00 deste 31 de decembro e ata as 00:00 do 18 de xaneiro, tal e como ratificou na súa publicación no DOG, que tamén especifica as excepcións.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, comparte unha mensaxe de fin de ano na que eloxia o labor do persoal sanitario e científico: "Como non reclamar unha Galiza que poña no centro á ciencia e o coñecemento para construír un futuro mellor", sinala a líder do Bloque, que apela ao "o optimismo dunha Galiza que o ten todo para saír adiante" malia "termos por diante unha situación complexa" a causa da pandemia.
Xa están no DOG os cambios nas restricións da Xunta pola COVID que atinxen a ámbitos como a hostalería ou os espectáculos públicos, alén de incorporar as mudanzas na obrigatoriedade do uso da máscara ao aire libre. Son todas as anunciadas agás a limitación aos encontros entre persoas non conviventes dende a hora de peche dos pubs (3 da madrugada) e ata as 6 da mañá, que require autorización xudicial e que polo momento obtivo o visto e prace da Fiscalía. Na imaxe, o Consello da Xunta deste xoves (CC BY-SA David Cabezón / Xunta)