O Tribunal Superior autoriza a Xunta a vetar os encontros entre persoas non conviventes dende o peche dos pubs (3 da madrugada) e ata as 6 da mañá tanto na rúa como en espazos privados. O TSXG xustifica o aval polo "relevante risco" de transmisión da COVID e porque, dadas as excepcións e as horas da limitación, é unha medida "eficaz" que supón unha "limitación tenue" do dereito de reunión. Así e todo, a resolución reflicte que o Goberno sustentou a petición cun informe "completamente orfo de identificación dos informes e estudos que se empregan como base das afirmacións nel recollidas" e con "ausencia de motivación na petición das medidas solicitadas". O mesmo auto autoriza a extensión do certificado COVID nos bares a todo o seu horario de apertura.
A Xunta ten previsto aplicar a medida dende as 00:00 deste 31 de decembro e ata as 00:00 do 18 de xaneiro, tal e como ratificou na súa publicación no DOG, que tamén especifica as excepcións.
