A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, comparte unha mensaxe de fin de ano na que eloxia o labor do persoal sanitario e científico: "Como non reclamar unha Galiza que poña no centro á ciencia e o coñecemento para construír un futuro mellor", sinala a líder do Bloque, que apela ao "o optimismo dunha Galiza que o ten todo para saír adiante" malia "termos por diante unha situación complexa" a causa da pandemia.
Fálase
Xa están no DOG os cambios nas restricións da Xunta pola COVID que atinxen a ámbitos como a hostalería ou os espectáculos públicos, alén de incorporar as mudanzas na obrigatoriedade do uso da máscara ao aire libre. Son todas as anunciadas agás a limitación aos encontros entre persoas non conviventes dende a hora de peche dos pubs (3 da madrugada) e ata as 6 da mañá, que require autorización xudicial e que polo momento obtivo o visto e prace da Fiscalía. Na imaxe, o Consello da Xunta deste xoves (CC BY-SA David Cabezón / Xunta)
A Xunta amplía a súa petición ao Tribunal Superior de Xustiza para que o veto aos encontros entre non conviventes tras o peche dos pubs e discotecas (de 3 a 6 da madrugada, segundo o pactado co sector) se aplique tamén a espazos privados e non só á rúa. Inicialmente, anunciara que pediría aval para impedir estes encontros en espazos públicos de 2 a 6. Segundo indica o Goberno galego, a petición ao Tribunal inclúe excepcións como "a pernocta no mesmo domicilio no caso de reunión ou reencontro familiar ou de achegados" ou o coidado a menores ou anciáns, entre outras.
O Xulgado de Instrución número 1 de Lugo resolve dividir en trinta e tres causas a peza principal do caso Pokémon, tal e como pedira a Fiscalía e resolvera a Audiencia Provincial. O instrutor que substituíu á sancionada xuíza Pilar de Lara conclúe que a única "conexión" de todas as pezas é que nelas interveñen empresas do grupo Véndex, pero deben ser abordadas nos lugares onde se produciron os presuntos delitos.
O Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas acordan rebaixar de 10 a 7 os días de corentena para as persoas que dean positivo por COVID-19 e tamén para os contactos estreitos que, por non estaren vacinados con pauta completa ou no resto de excepcións, teñen que illarse. A decisión chega nun contexto de alta incidencia, co consecuente incremento de baixas laborais.
Feijóo confirma a demora do plan estratéxico da Xunta para 2021-2030, que non será público ata febreiro de 2022.
O grupo empresarial GES-Industrial, propiedade de Carlos Mouriño, que controla o Celta SAD, pasa a ter como administradora única a filla do empresario, María de los Ángeles Mouriño Terrazo. As empresas controladas pola familia van desde o equipo de fútbol a sectores como a enerxía (especialmente en México) a viticultura ou a inmobiliaria. [Imaxe: Xunta de Galicia]
O persoal de Alcoa na Mariña aproba, co 70% dos votos e un 76% de participación, aceptar a proposta da empresa que implica parar a fabricación de aluminio durante dous anos e que, segundo a compañía, suporá manter o emprego. O persoal das empresas auxiliares é contrario a esta opción.
O Congreso aproba de xeito definitivo os orzamentos do Estado para 2022 tras aceptar unha última emenda introducida no Senado con máis cartos para as linguas cooficiais diferentes do castelán. A emenda de Compromís co apoio do PP na Cámara Alta recibiu este martes o voto favorable na Cámara Baixa tamén de PSOE, Unidas Podemos ou BNG, formación esta última que se abstivo na votación global das contas para o próximo ano. Os orzamentos prevén un 29% máis de investimento en Galicia para 2022. [Imaxe: Congreso dos Deputados]
O Goberno de España concede a Medalla de Ouro das Belas Artes a Antón Reixa. A proposta do Ministerio de Cultura recoñece “a traxectoria deste artista polifacético como escritor, músico, guionista e director de cine”.
- HEMEROTECA (2016) | Antón Reixa: "Estamos moi anoxados outra vez co mundo"