O Concello de Santiago celebrará un acto institucional en lembranza do alcalde republicano Ánxel Casal e de todas as persoas que foron represaliadas canda el por loitar pola liberdade e a democracia tras o golpe do 36. O venres 18, ás 12h, o Pazo de Raxoi acollerá a homenaxe na que participarán tamén representantes dos concellos de Teo e Arzúa, co obxecto de visibilizar os lugares que marcaron os momentos finais da súa vida e da súa loita. Ánxel Casal foi asasinado o 19 de agosto de 1936 en Cacheiras.
Fálase
Morre o xornalista Pepe Seijo, voz de Radio Lugo, da Cadena Ser, mentres traballaba na emisora. Seijo, de 57 anos, tamén foi colaborador de El País e Europa Press. [Imaxe: Cadena Ser]
Morre Constantino Méndez (Pontecesures, 1950), que foi secretario de Estado e deputado no Congreso por Pontevedra polo PSOE. Méndez foi número 2 do Ministerio de Defensa con Zapatero e de Administración Pública con González. Na imaxe, do Ministerio de Defensa, Méndez na súa toma de posesión en 2008.
Tráfico comeza en Galicia este luns unha campaña de control de alcol e drogas que manterá ata o domingo. Na mesma campaña do ano pasado foron sancionados 641 condutores por consumo de alcol e 151 por drogas.
Nas fins de semana de agosto, Praza non se actualiza por descanso do persoal. Pero deixamos moito para ler e o luns xa estamos de volta.
Adif dá por rematada a instalación do sistema de seguridade ERTMS na curva de Angrois e no Eixo Atlántico pero a formación de maquinistas cortará o servizo entre Ourense e Santiago do 21 ao 29 de agosto. A empresa pública establece un plan alternativo de transporte para as persoas afectadas.
CRISE DE PREZOS | Os prezos aumentaron en Galicia un 2,1% interanual en xullo, seis décimas por riba do mes anterior. Na media estatal o IPC sitúase no 2,3% interanual, un crecemento de catro décimas. Os prezos dos alimentos está agora en Galicia un 10,2% por riba dos de hai un ano e na media estatal, un 10,8%, o que implica un crecemento de cinco décimas no dato galego e de seis no estatal.
O DOG publica o inicio do proceso para declarar Ben de Interese Cultural o Museo Carlos Maside. O proceso inclúe tamén a denominada Colección Sargadelos-Carlos Maside.
Tremor de terra en Mos esta tarde. O Instituto Xeográfico Nacional rexistrou un movemento sísmico de magnitude 2.2 pasadas as tres e media da tarde deste xoves que se sentiu tamén en Vigo.
A Real Filharmonía de Galicia busca coros galegos para un concerto "participativo". O espectáculo, baixo o título Cantamos!, celebrarase o vindeiro 21 de decembro para pechar a tempada Migracións da RFG e estará dirixido por Javier Fajardo, co Orfeón Terra A NOsa como coro de escenario. As agrupacións interesadas deberán inscribirse no proxecto do 6 ao 15 de setembro remitindo por correo a info@rfgalicia.org un formulario que a Real Filharmonía ofrecerá para descargar no seu sitio web. Entre os coros que se inscriban, a orquestra seleccionará ata 120 integrantes "atendendo ao equilibrio das cordas de cada coro e a súa traxectoria", informa o Concello de Santiago. Na imaxe, a RFG nun concerto cun coro [© Concello de Santiago]