Nas fins de semana de agosto, Praza non se actualiza por descanso do persoal. Pero deixamos moito para ler e o luns xa estamos de volta.
Fálase
Adif dá por rematada a instalación do sistema de seguridade ERTMS na curva de Angrois e no Eixo Atlántico pero a formación de maquinistas cortará o servizo entre Ourense e Santiago do 21 ao 29 de agosto. A empresa pública establece un plan alternativo de transporte para as persoas afectadas.
CRISE DE PREZOS | Os prezos aumentaron en Galicia un 2,1% interanual en xullo, seis décimas por riba do mes anterior. Na media estatal o IPC sitúase no 2,3% interanual, un crecemento de catro décimas. Os prezos dos alimentos está agora en Galicia un 10,2% por riba dos de hai un ano e na media estatal, un 10,8%, o que implica un crecemento de cinco décimas no dato galego e de seis no estatal.
O DOG publica o inicio do proceso para declarar Ben de Interese Cultural o Museo Carlos Maside. O proceso inclúe tamén a denominada Colección Sargadelos-Carlos Maside.
Tremor de terra en Mos esta tarde. O Instituto Xeográfico Nacional rexistrou un movemento sísmico de magnitude 2.2 pasadas as tres e media da tarde deste xoves que se sentiu tamén en Vigo.
A Real Filharmonía de Galicia busca coros galegos para un concerto "participativo". O espectáculo, baixo o título Cantamos!, celebrarase o vindeiro 21 de decembro para pechar a tempada Migracións da RFG e estará dirixido por Javier Fajardo, co Orfeón Terra A NOsa como coro de escenario. As agrupacións interesadas deberán inscribirse no proxecto do 6 ao 15 de setembro remitindo por correo a info@rfgalicia.org un formulario que a Real Filharmonía ofrecerá para descargar no seu sitio web. Entre os coros que se inscriban, a orquestra seleccionará ata 120 integrantes "atendendo ao equilibrio das cordas de cada coro e a súa traxectoria", informa o Concello de Santiago. Na imaxe, a RFG nun concerto cun coro [© Concello de Santiago]
O PP di que Feijóo está disposto a concorrer a unha investidura malia non ter apoios para lograla e esgrime que Sánchez ten menos "a día de hoxe". Tras unha reunión do comité de dirección do partido a súa secretaria xeral, Concepción Cuca Gamarra, acusa o PSOE de non "recoñecer" que "perdeu" as eleccións e esgrime que "os únicos países nos que non se recoñece a quen gaña son aqueles nos que as eleccións non son transparentes", di afondando no cuestionamento do sistema parlamentario que vén reiterando Feijóo. [Imaxe: © PP]
O bloque conservador do Constitucional aproveita as vacacións para frear un recurso de Carles Puigdemont contra a orde de detención ditada polo Supremo contra el por desobediencia e malversación. A decisión da Sala de Vacacións do tribunal de garantías é adoptada por dous votos contra un e chega en plenas negociacións para a investidura tras as eleccións xerais, na que os votos de JxCat, o partido do ex-presidente catalán, son determinantes.
A galega Marta Lois será a voceira de Sumar no Congreso, segundo adiantan varios medios. A deputada pola Coruña da formación que lidera Yolanda Díaz, e ex-voceira de Compostela Aberta en Santiago, liderará a formación na Cámara Alta.
O DOG publica a lei que regula o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres como "símbolo da identidade de Galicia". A norma entra en vigor este mércores tras un acordo unánime de todo o Parlamento e co apoio de múltiples institucións.