O PP da Coruña afirma que o alcalde, Xulio Ferreiro, ten "a culpa" do incremento das violacións na cidade. Afirmouno a voceira municipal dos populares, Rosa Gallego, durante o pleno celebrado onte. Radio Coruña ofrece a gravación das súas palabras. Os delitos contra a liberdade sexual aumentan cada ano no conxunto de Galicia. Máis información, nesta ligazón
Fálase
O BOE publica a convocatoria das eleccións europeas e confirma que España elixirá só 54 escanos, os que tiña antes do Brexit. A convocatoria estipula que os cinco escanos adicionais que correspondían á circunscrición española será asignados cando "sexa efectiva a saída" do Reino Unido da UE, no caso de que finalmente se produza.
Policía adscrita á Xunta e axentes forestais ratifican que a orixe do incendio de Dodro e Rianxo foron "faíscas" procedentes "da instalación de distribución de enerxía eléctrica" nunha torre de alta tensión en Bexo. "Alí detectouse unha avaría nun poste do que saían chispas que caían ao chan, onde se sitúa o inicio do incendio" que arrasou 1.162 hectáreas. Naturgy, antiga Fenosa, negou a pasada semana que a orixe do lume estivese nas súas instalacións.
Millán Mon recunca na lista do PP ás eleccións europeas. O actual eurodeputado, que o PPdeG vén situando como o seu referente no Parlamento Europeo, é membro da Eurocámara dende as eleccións de 2004. A cabeza de lista da formación será a ex-ministra Dolors Montserrat.
Unha nova mobilización reclamará a oficialidade do asturiano e máis do galego falado na área occidental de Asturias. A manifestación desenvolverase o vindeiro 6 de abril en Xixón. O pasado ano unha numerosa marcha xa reclamara a oficialidade nas rúas de Oviedo, capital asturiana onde o topónivo Uviéu está a piques de ser cooficial.
Pablo Casado reitera a promesa dunha "lei de linguas" que limite os idiomas oficiais diferentes do castelán e proclama que "non se pode dar máis poder ás autonomías". A pasada semana o PPdeG votou a prol de manter o galego como "requisito" para traballar na Administración en Galicia.
Este luns comeza en Santiago o xuízo a Marina Castaño e ao ex-conselleiro Dositeo Rodríguez por presunta malversación de fondos públicos na Fundación Camilo José Cela.
Hoxe entra en vigor o novo permiso de paternidade de 8 semanas. O mantemento desta medida no tempo está condicionado á súa convalidación no Congreso dos Deputados, xa que foi aprobada pola vía do real decreto-lei.
O filme italiano Nimble Fingers gañou o premio ao mellor documental na 14ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico. Será proxectado este domingo no Teatro Principal de Compostela, xunto con Hora Silenciosa, premio á Mellor Película Galega
Esta madrugada cambia a hora e ás 2 serán as 3, entrando así no horario de verán, amencendo e anoitecendo unha hora máis tarde. Esta semana o Parlamento europeo aprobou adiar ata o 2021 a decisión sobre o fuso horario, aínda que países como Portugal xa anunciaron que manterán o cambio estacional, seguindo as recomendacións dos expertos