A bioquímica húngara Katalin Karikó e o inmunólogo estadounidense Drew Weissman gañan o Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina "polos seus descubrimentos sobre modificacións de bases de nucleósidos que permitiron o desenvolvemento de vacinas de ARNm eficaces contra a COVID-19".
Fálase
Un peche na Consellería de Política Social reivindica un "convenio digno" nos Servizos de Axuda ao Fogar (SAF). Delegadas da CIG demandan a negociación inmediata dun convenio colectivo e un servizo "integramente público".
Centos de persoas marchan en Moaña este domingo en defensa da sanidade pública. Convocadas pola Mesa pola Sanidade Pública de Moaña e a Plataforma SOS Sanidade Pública reclaman a volta do PAC á Casa do Mar. Na manifestación [na imaxe CC-BY-SA Concello de Moaña] participou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen salientou a loita da veciñanza de Moaña durante 59 domingos demandando o reforzo da sanidade pública coa recuperación das urxencias e as ambulancias.
Trece persoas falecidas en Murcia no incendio dunha discoteca na zona de Atalayas. As autoridades non descartan que o número de mortes aumente mentres continúa o traballo dos bombeiros e as forzas de seguridade. Hai catro feridos e varias persoas desaparecidas. O concello decretou tres días de loito oficial no municipio. [Fotografía: 112 Región de Murcia]
Entra en funcionamento en Galicia o servizo 028 Arco da Vella, que ofrece información, asesoramento xurídico e atención psicosocial inmediata e especializada fronte as violencias por LGBTIfobia. A partir deste luns a Xunta activa un servizo que funciona no Estado desde o pasado 5 de xullo a través do Ministerio de Igualdade en coordinación coas comunidades autónomas.
É gratuíto, funciona as 24 horas do día e está dirixido ás vítimas de delitos de odio ou de discriminación por LGBTIfobia, así como para informar e atender calquera necesidade das personas LGBTI, ás súas familias ou achegados. Ademáis de chamar ao 028, pódese contactar no 028-online@igualdad.gob.es e/ou sevizo028arcodavella@xunta.gal.
Galicia despide setembro superando os 34 graos de temperatura no interior e os 30º na costa. As altas temperaturas continúan no primeiro día de outubro, segundo as predicións de Meteogalicia en Ourense os termómetros chegarán aos 36º, aos 33º en Lugo, 32º en Santiago, 31º en Vigo, Pontevedra e Ferrol e aos 29º na Coruña. O luns chegará unha fronte que entrará polo oeste da provincia da Coruña deixando nubes baixas e probabilidade de orballos a partir do mediodía, cunha baixada das temperaturas máximas.
Histórico: O Corno, Cuncha de Ouro do Festival de San Sebastián. A película en galego de Jaione Camborda gaña o máximo galardón do certame.
Feijóo reaparece no Foro A Toxa ao día seguinte de fracasar na súa investidura no Congreso "orgulloso" de non ceder a "ningunha chantaxe" dos partidos independentistas. O líder do PP considera que o referendo en Catalunya é "un cebo" para que a amnistía semelle "algo máis sensato". [Fotografía © Foro A Toxa]
O PP de Lugo suspende de militancia o ex-alcalde de Quiroga Julio Álvarez por un presunto delito de violencia machista. O Partido Popular aparta o primeiro edil do Concello de Quiroga dende 1987 e ata as últimas municipais tras a súa detención na tarde deste xoves. [Julio Álvarez (á esquerda da imaxe) CC-BY-SA Xunta]
Felipe VI convoca unha nova rolda de consultas cos partidos políticos para os días 2 e 3 de outubro logo de recibir a presidenta do Congreso, Francina Armengol. Agárdase que o rei propoña agora a Pedro Sánchez como candidato á investidura logo do fracaso de Feijóo.