O Burela sobreponse aos seus problemas económicos e gaña a súa sétima Copa da Raíña. O equipo mariñao derrota o Melilla Torreblanca (2-3) nunha intensa final.

O Burela sobreponse aos seus problemas económicos e gaña a súa sétima Copa da Raíña. O equipo mariñao derrota o Melilla Torreblanca (2-3) nunha intensa final.
Tanxugueiras actuarán nas festas da Ascensión de Santiago o vindeiro 29 de maio na Quintana. Así o anunciaron a concelleira de Festas, Pilar Lueiro, e as propias compoñentes do grupo.
As Celtas acompaña o filial do Deportivo no ascenso á Segunda Federación Feminina de fútbol. O conxunto vigués venceu no partido decisivo ao Valladolid e obtén a segunda praza tras o Dépor B, que se proclamou campión a pasada xornada. En fútbol masculino, o Compostela descende a Terceira Federación.
⛈Galicia activa desde este mediodía a alerta amarela por fortes chuvias e tormentas na provincia da Coruña, na Mariña e no interior de Pontevedra. Prevense chuvias de máis de 15 litros/m2 nunha hora a partir das 15 horas e durante toda a tarde e posibilidade de saraiba.
O presidente de Alcoa advirte que "é moi difícil ter un negocio electrointensivo nun lugar que non pode garantir a electricidade". William Oplinger alerta do impacto do apagamento do pasado luns nas instalacións da Mariña e cre que se tardará "días en avaliar os riscos asociados a novas perdas de potencia".
A Xunta permite a Feijóo facer un acto do PP no centro de emerxencias do 112 na Estrada para cargar contra Sánchez pola xestión do apagamento. O líder popular estivo acompañado de Alfonso Rueda, quen tras as críticas polos "caos" nos colexios asegura que a Xunta xestionou a crise "dunha forma aceptable e moi profesional".
Amancio Ortega, dono de Inditex, convértese no primeiro accionista privado de Red Eléctrica Española logo de que o fondo de investimento BlackRock vendese parte das súas accións tras o apagamento do pasado luns. O fundador do xigante téxtil posúe o 5% a través da sociedade investidora Pontegadea. Foto: Inditex.
A Xunta perdoa as débedas que fosen inferiores a 3 euros a 31 de decembro pasado. O Diario Oficial de Galicia (DOG) establece a "anulación e baixa en contabilidade de todas aquelas liquidacións que se atopen en período executivo das que resulte unha débeda pendente de recadar inferior a tres euros".
A 'flotilla' da Liberdade de Gaza, bombardeada con drons en augas internacionais, preto de Malta. A organización sinala Israel como responsable do ataque contra un dos seus barcos. Trinta persoas estaban a bordo da embarcación atacada na pasada noite.
Denuncian que oito refuxiados malienses foron obrigados a baixar do autobús de Monbus da liña de Ourense a Allariz. "Estamos ante un caso de racismo, é a única explicación que atopamos para un acto tan vergoñento", sinalan ao xornal La Región, que desvela o sucedido, dende a Fundación Laboral de la Construcción, entidade na que estes mozos están a formarse en Vilamarín. Na imaxe, de arquivo, un autobús da compañía na estación de Ourense.