Científicos do CSIC de Vigo e Baleares documentan o caso máis completo rexistrado pola ciencia dun polbo cun brazo bifurcado funcional no seu hábitat natural. Persoal do grupo ECOBIOMAR do Instituto de Investigacións Mariñas e do Centre Oceanogràfic de Balears, no marco do proxecto ECOSUMA, examinaron o cefalópodo in situ a través de vídeos submariños e estudaron a súa conduta para saber como empregaba os seus brazos ao longo do tempo. "O feito de que este polbo adapte o seu comportamento e reorganice o uso dos seus brazos de forma funcional suxire mecanismos neuronais complexos que poderían inspirar novas aplicacións en robótica, neurociencia e medicina regenerativa", avanzan os investigadores, que publicaron as súas conclusións na revista Animals. [📸📹 Hidde Juijn]