O primeiro ministro portugués, António Costa, confirma a reapertura das fronteiras terrestres dende as 00:00 deste sábado, 1 de maio, no marco do novo plan de desconfinamento do país veciño. Concellos da raia veñen reclamando dende hai semanas a reapertura, especialmente para o persoal que vive en Galicia e traballa en Portugal (e viceversa). Galicia, non obstante, continúa polo momento -e, cando menos ata o día 9- baixo peche perimetral, pero as actividades permitidas, caso da laboral, veranse facilitadas con esta nova medida do Executivo portugués.
Fálase
Feijóo acusa á esquerda de "utilizar á empresa pública Correos" para "mobilizar" o electorado na campaña electoral madrileña cos casos de envíos de balas en cartas ameazantes. O presidente da Xunta considera "incrible" que a empresa pública non detectase os envíos de balas e dunha navalla a cargos políticos como o ministro do Interior, a directora da Garda Civil, o líder de Podemos ou a presidenta de Madrid. Argumenta que a compañía, que el mesmo dirixiu no Goberno de Aznar (2000-2003) ten capacidade para detectar envíos con ántrax, polo que tamén a ten para frear sobres con balas antes de que cheguen ao seu destino.
Concellos da raia agrupados na AECT Rio Minho instalan unha faixa na Ponte da Amizade Tomiño-Cerveira para reclamaren a reapertura da fronteira, que segue pechada polas restricións da COVID-19 malia á fin do estado de emerxencia en Portugal. Os municipios reclaman ademais seren compensados mediante os fondos europeos de recuperación. "Levamos tres meses de ruína", sinala Uxío Benítez, vicedirector da AECT e deputado do goberno na Deputación de Pontevedra.
O xulgado concede un mes aos herdeiros de Franco para retirar "cousas, bens ou obxectos" do Pazo de Meirás agás as que "se atopen nel por ser colocadas polo Estado tras tomar posesión do inmoble". Máis información, esta mañá en Praza.gal
EPA | Galicia perdeu uns 21.100 empregos no primeiro trimestre do ano e a poboación ocupada queda en 1,06 millóns de persoas, segundo a Enquisa de Poboación Activa, que vén de publicarse. Son 23.200 empregos menos que hai un ano. No mesmo trimestre, a poboación en desemprego aumentou en 15.700 persoas, ata as 158.300, isto é, unhas 1.500 máis que doce meses antes.
Alumnado do colexio Sagrado Corazón de Pontevedra está a realizar unha serie de vídeos que, co título de Dígocho a ti, debullan distintos temas relacionados coa lingua galega (vocabulario, normas gramaticais...), tomando como referencia o espazo Dígocho eu da CRTVG. A primeira peza destacou que no galego hai máis de cen palabras relacionadas coa chuvia e a segunda afondou tamén en cuestións meteorolóxicas. Na última edición de 21 días co galego os centros participantes tamén levaron a cabo vídeos co formato de Dígocho eu
A Pobra do Caramiñal e O Grove sairán a partir deste venres do nivel máximo de restricións, desaparecendo polo tanto o peche perimetral que lles afectaba. Vilanova de Arousa, Cualedro e Carballeda de Valdeorras mantéñense neste nivel máximo. Petín, Muíños, Verea, A Merca, Meira, O Grove, Ribadumia, Marín, Meaño, Meis, Ponteareas, Salceda de Caselas, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Cambre e Coristanco situaranse no nivel alto. Mentres, Lobeira, Lobios, Verín, Cartelle, Xinzo de Limia, O Barco de Valdeorras, Trabada, Barreiros, Chantada, Cambados, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Poio, Cangas, Gondomar, Vigo, O Porriño, Nigrán, Tui, Rianxo, Mesía, Carnota, Carral, A Laracha, Betanzos, Carballo e Ares estarán no nivel medio. O resto de Galicia quedará no nivel baixo de restricións.
Asasinados en Burkina Faso o xornalista navarro David Beriain, que desenvolvera parte da súa carreira como correspondente para La Voz de Galicia, e o fotoxornalista biscaíño Roberto Fraile. Estaban a realizar unha reportaxe sobre a caza furtiva nese país. Na imaxe, Beriain nun documental no que abordou a situación da mafia en Italia (©DMAX)
A ferrolá Tamara Abalde regresa ao baloncesto galego fichando polo Ensino de Lugo. A internacional galega, que procede do Araski vasco, formouse na canteira do Celta, foi olímpica en 2008 e campioa de Europa en 2009. (Imaxe: Durán Maquinaria Ensino)
A UE emprende accións legais contra AstraZeneca por incumprir o contrato para o subministro de vacinas para a COVID-19 nos termos acordados. A comisaria de Saúde, Stella Kyriakides, subliña que a Comisión Europea inicia o preito contra a farmacéutica en representación de todos os Estados membros.