O diario La Vanguardia distribúe O lapis do carpinteiro, de Manuel Rivas, co seu exemplar deste 6 de xaneiro. O diario que dirixe Jordi Juan ofrece a obra do escritor galego polo Día de Reis.
Fálase
A Axencia Europea do Medicamento aproba a vacina de Moderna, que deberá agora recibir o visto e prace da Comisión Europea. É a segunda farmacéutica que recibe a autorización para que o seu fármaco sexa utilizado nas campañas de vacinación contra a COVID en Europa.
Sanidade medita limitar a mobilidade por idade nas áreas da Coruña e Santiago coas restricións que decidirá o vindeiro venres tras o importante aumento de casos de COVID. Adiantouno o conselleiro, Julio García Comesaña, nunha entrevista en EsRadio, na que advertiu de medidas xerais para frear a mobilidade da poboación xeral "e particularmente doutros colectivos, especialmente por idades". Asturias xa pediu á mocidade entre 15 e 25 anos que restrinxa a súa vida social.
O xulgado arquiva a denuncia contra o alcalde de Ourense polas doazóns ao seu partido ao non probarse que fosen condicionadas. Antigos compañeiros de Democracia Ourensana que deixaron en minoría a Jácome levaron en setembro á Fiscalía o uso dos fondos públicos e as doazóns de parte dos salarios que cargos públicos e asesores realizan á formación. Desde aquela Jácome goberna en minoría ante o veto do PP ao portavoz socialista malia ser o máis votado.
O paro rexistrado sobe un 1,13% en Galicia en decembro, a un total de 190.000 persoas, 2.100 máis que hai un mes e 24.000 máis que hai un ano. Ampliamos aquí a información: A pandemia destrúe 18.000 empregos en 2020 en Galicia, que volve aumentar o persoal en ERTE.
A neve condiciona a circulación en diversas estradas do norte e o leste de Galicia. Na imaxe, a A-6 á altura de Guitiriz ás nove da mañá deste luns. [Imaxe: DGT]
9.500 persoas recibiron ata este domingo a primeira dose da vacina contra a COVID-19 en Galicia, segundo informa Sanidade. A consellería comunicouno a través das redes sociais unha semana despois de comezar a administrar o pasado domingo as primeiras 500 doses e tras recibir o martes outras 18.000.
A Xunta deixa de renovar automaticamente a partir deste 1 de xaneiro o trámite trimestral para seguir cobrando a prestación por desemprego. En marzo o Goberno galego deixou en suspenso polo coronavirus a obriga de renovar cada tres meses as demandas de emprego, trámite necesario para cobrar a prestación. A Xunta di que avisará por SMS e correo electrónico ás persoas afectadas e ofrecerá vías de tramitación a distancia para que non teñan que facelo presencialmente nas oficinas de emprego.
A veciñanza de Muras felicita o ano novo lembrando a súa unidade fronte ás pandemia. No vídeo, publicado polo Concello, os voceiros municipais de todos os partidos, que tamén participan, ceden o protagonismo á veciñanza.
O día de Aninovo Praza.gal non se actualiza por descanso do persoal, pero deixamos moito para ler e o sábado 2 estamos de volta. Feliz 2021 e saúde!