O grupo Xeal vende as fábricas e as centrais hidroeléctricas a un grupo checo. A dirección das factorías informou por carta ao comité de empresa da venda do 100% das accións do grupo á empresa Energo-Pro.
Fálase
X, antigo Twitter, xa non amosa nas súas previsualizacións os titulares das novas senón só as imaxes destas, que seguen servindo de enlace para acceder ás informacións. As imaxes só identifican que detrás do enlace hai un determinado medio de comunicación cunha pequena etiqueta sobreimpresa na parte inferior esquerda.
Rueda elixe a Manuel Pérez, ex-alcalde de Vigo e histórico apoio de Cuiña fronte a Feijóo na sucesión de Fraga, como novo presidente do Consello Económico e Social. Pérez, de 73 anos e moi implicado no apoio a Marta Fernández-Tapias como candidata popular en Vigo, sucederá a Agustín Hernández.
España, Portugal e Marrocos acollerán a celebración do Mundial de fútbol en 2030. A Coruña e Vigo aspiran a ser sede dos partidos que se xogarán na Península. Os partidos inaugurais do evento organizado pola FIFA serán no Uruguai, a Arxentina e Paraguai. [Imaxe ©FIFA]
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia presenta unha nova identidade corporativa que parte da balanza –o símbolo máis recoñecible da Xustiza– e da bandeira de Galicia. O deseñador Carlos el Rojo obtivo un imagotipo que pretende "transmitir a imaxe dunha institución seria e de confianza, á vez que moderna, aberta e que evoluciona coa sociedade", segundo detalla o propio TSXG.
O Ministerio de Transportes defende que Renfe oferta en Galicia un 11% máis de prazas á semana que antes da pandemia, 169.000 fronte a 153.000, o que non está a impedir o colapso nalgúns traxectos, especialmente no Eixo Atántico. O secretario de Estado, David Lucas, reuniuse coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e confirmou que Talgo non comezará a entregar ata decembro os trens Avril que facilitarán as conexións de alta velocidade entre Galicia e a Meseta.
O BOE publica a autorización ambiental do enlace entre a Terceira Rolda da Coruña e a AP-9, un treito de autovía de 2 quilómetros que implicará a expropiación de catro vivendas e outras dúas edificacións.
José Ramón Gómez Besteiro será un dos representantes do PSOE na comisión negociadora para conformar un goberno progresista en España. Na primeira reunión entre Pedro Sánchez e Yolanda Díaz (Sumar), ambos emprazáronse a pechar en outubro o pacto para ese executivo.
O Concello da Coruña solicita á Xunta que declare a cidade como zona de mercado residencial tensionado ante unha oferta de vivenda "que non responde ás necesidades reais da poboación". O prezo medio dos alugueiros na Coruña é o máis alto das sete cidades galegas.
A Xunta baixará do 8% ao 3% o imposto de transmisión de vehículos de segunda man, que se eliminará para os vehículos eléctricos e híbridos enchufables. Así o anunciou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante unha visita a un concesionario de coches en Nigrán.