Feijóo confirma o seu interese en celebrar as eleccións "canto antes" e sinala o mes de xullo a partir dos informes sanitarios que, di, manexa o Goberno galego e acaba de "remitir aos partidos políticos", cos que se reunirá mañá, segundo anunciou en rolda de prensa. O presidente da Xunta confirma que a nova fase do estado de alarma permite volver convocalas grazas á emenda introducida polo PNV. Ampliamos a información neste espazo.
Fálase
O xornalista Manuel Rey analiza en GCiencia a controversia xerada na profesión veterinaria polas chanzas do programa de humor da TVG 'Malicia Notiicas' a respecto do traballo destes profesionais na crise do coronavirus: Veterinarios, zoonoses, pandemias e sentido do humor
O Goberno central procura apoios parlamentarios para aprobar unha prórroga dun mes do estado de alarma, ata as datas previstas para o remate do plan de desconfinamento. O PP xa avanzou onte a súa intención de pasar da abstención ao "non" na seguinte votación. (Imaxe: Borja Puig de la Bellacasa / Goberno de España)
O BOE fai oficial este mércores a ampliación ata o 30 de xuño dos ERTE por forza maior. O decreto acordado cos sindicatos UGT e CC.OO. e a patronal CEOE flexibiliza diversas medidas laborais que explicamos aquí.
Suspendida polo coronavirus a rapa das bestas de Sabucedo, que se ía celebrar do 3 ao 6 de xullo. A asociación organizadora prevé "unha consulta entre toda a parroquia" para valorar "a posibilidade de retomar os curros" o 15 e 16 de agosto "se a situación sanitaria o permite". Imaxe: Bruno Pardo / Asociación A Rapa das Bestas de Sabucedo
As persoas que cheguen do estranxeiro deberán gardar 14 días de corentena polo coronavirus. A medida, publicada este martes no BOE, non afecta a traballadores transfronteirizos nin transportistas e as compañías aéreas deberán facilitar a localización do seu pasaxe. Ampliamos a información neste espazo
CIG, UGT e CC.OO. acordan suspender os procesos de eleccións sindicais en Galicia "mentres dure a situación de emerxencia sanitaria" polo coronavirus con efectos dende o 16 de marzo. O acordo completo é publicado no DOG deste martes. (Na imaxe, de arquivo, eleccións sindicais nun centro do Sergas)
O Goberno central asina o acordo que prorroga ata o 30 de xuño os ERTE por forza maior a causa do coronavirus. O pacto foi rubricado polos sindicatos CC.OO. e UGT e mais pola patronal CEOE. (Imaxe: Borja Puig de la Bellacasa / Goberno de España)
Xa pode verse na rede, integramente e de balde, o documental sobre Carvalho Calero realizado no ano 2014 polo ferrolán Antón Rodríguez: Vieiros de Esperanza. O filme inclúe entrevistas a Darío Villanueva, Víctor Freixanes, Xesús Alonso Montero, Pilar García Negro, Araceli Herrero, Francisco Rodríguez e Xosé María Dobarro Paz. A obra audiovisual "permite ollar opinións que cambiaron de maneira substancial ao longo destes seis anos", destaca o seu autor.
Dende a pasada media noite, Galicia está na fase 1 do plan de desconfinamento polo coronavirus. Podes repasar aquí as mudanzas que están en vigor no país dende este luns.