A Xunta prevé declarar loito oficial en Galicia durante todo o mes de maio para "honrar" as persoas falecidas polo coronavirus, segundo vén de anunciar Alberto Núñez Feijóo tras a reunión semanal do Consello.
Fálase
O INE estima unha caída do 4,1% intertrimestral do produto interior bruto (PIB) do Estado a causa do coronavirus e un devalo do 5,2% en termos interanuais da economía española no primeiro trimestre afectado pola pandemia. A oficina estatística advirte de que a situación xerada pola COVID-19 condiciona fortemente todos estes cálculos.
O conselleiro de Facenda anuncia no Parlamento que a Xunta decidiu “non realizar probas nos procesos de selección de persoal ata o 1 de outubro”, medida que di que afecta a “45.000 aspirantes”. Ampliamos a información neste espazo
A Xunta amplía polo coronavirus ata o 16 de xullo o prazo para traballos de prevención de incendios forestais e outorgará permisos excepcionais para queimas en explotacións profesionais previa solicitude.
O TSXG prohíbe a manifestación convocada pola CUT para o vindeiro 1 de maio, na que o sindicato chamaba á conformación dunha caravana de coches. O tribunal, que sinala que existe "un evidente perigo para a saúde pública", lembra que só se permite a circulación de automóbiles para a realización de determinadas actividades. Ademais, subliña que o estado de alarma autoriza a restrición ao dereito de manifestación.
Publicados os modelos dos exames da selectividade para Galicia, adaptados ás mudanzas no número de preguntas e opcións por mor do coronavirus. Pódense consultar xa no sitio web da Comisión Interuniversitaria de Galicia. A selectividade, adiada a causa da pandemia, está fixada agora do 7 ao 9 de xullo.
PharmaMar anuncia o inicio do ensaio clínico con Aplidin para o tratamento de pacientes con coronavirus, que xa foi autorizado polo Ministerio de Sanidad. O obxectivo é avaliar a eficacia e a seguridade da plitidepsina en doentes con covid-19 que precisen ingreso hospitalario.
Avistado dende varias localidades galegas o que semellaba un meteoro a desintegrarse no ceo e era, realmente, un fragmento dun foguete Soyuz. GCiencia está a ofrecer datos sobre o acontecido (Imaxe: GCiencia, tirada de @Canaan_1983 e @Anton1BL)
EPA | Galicia perdeu 13.000 postos de traballo durante o primeiro trimestre do ano e a poboación en desemprego aumentou en 11.000 persoas. O paro queda en 156.800 persoas, 2.900 máis que un ano antes, e as persoas ocupadas son agora apenas 2.800 máis que no primeiro trimestre de 2019. Os detalles para Galicia da Enquisa de Poboación Activa que vén de coñecerse, neste espazo de Praza.gal
O BOE publica os sectores aos que se aplica a moratoria no pagamento de cotas na Seguridade Social polo coronavirus. Entre eles figuran os de alimentación que permanecen abertos e outros como clínicas odontolóxicas ou negocios de artes gráficas. Civio resume o contido da orde.