EPA | En Galicia destruíronse 32.600 postos de traballo durante o segundo trimestre do ano e as persoas con emprego son 48.400 menos que hai un ano, segundo a Enquisa de Poboación Activa que vén de ser publicada. Nese trimestre, o paro diminuíu en 14.300 persoas a respecto do trimestre anterior, pero o total, 142.500, supera en 2.100 o dato do mesmo trimestre de 2019. O dato do paro está influído pola posibilidade de buscar emprego, limitada por mor da pandemia. Ampliamos a información neste espazo
Fálase
A Xunta Xeral do Deportivo da Coruña aborda este martes en sesión extraordinaria operacións financeiras que, de saíren aprobadas, ratificarán a Abanca como máximo accionista do club. A transcendental decisión chega en pleno conflito coa Liga polo posible descenso á Segunda B tras o partido fronte ao Fuenlabrada suspendido polo brote de coronavirus importado polo equipo madrileño á Coruña. (Imaxe: RC Deportivo)
A Xunta fai oficial a "recomendación" de "limitar o número de asistentes" a reunións en espazos privados, "abertos ou pechados" aos "mínimos posibles e que, en todo caso, non superen as 25 persoas" para previr contaxios do coronavirus. A resolución publícase no DOG deste luns.
O incendio de Monterrei, xa estabilizado, arrasou un total de 720 hectáreas de terreo: 450 son forestais (400 rasas e 50 arboradas) e as restantes 270 son agrícolas. Xunto cos outros dous grandes incendios que tiveron lugar nos últimos días no sur de Ourense, o de Viana do Bolo e o de Verín, arderon 1.075 hectáreas de superficie. Ademais, Galicia sufriu nas últimas semanas varias ducias de incendios de menos de 20 hectáreas, dos que a Xunta non informou
Persoal de Alcoa concentrouse este domingo coas súas familias na praia das Catedrais para esixir unha solución que evite a perda de centos de postos de traballo na planta da Mariña. Este luns volve reunirse a mesa multilateral de Alcoa, na que participarán tamén representantes das compañías auxiliares. Imaxe @ovidio_gonzalez
A Liga anuncia que proporá suspender definitivamente o Dépor-Fuenlabrada e que o Elxe xogue o play-off de ascenso, do que fica fóra o equipo madrileño. Con todo, non se aclara de que xeito se resolverían os descensos.
Felipe VI realizou a 'ofrenda' ao Apóstolo Santiago no Mosteiro de San Martiño Pinario de Compostela -por mor das obras na Catedral-, nun acto no que participou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
Anova celebrou o seu acto do Día da Patria no Campo da Rata, na Coruña, onde a formación nacionalista homenaxeou aquelas galegas e galegos "que o deron todo na loita contra o fascismo"
Así foron os fogos do Apóstolo deste venres pola noite en Compostela, lanzados dende distintos puntos da cidade. Un dos lanzamentos provocou un pequeno incendio que queimou 1,7 hectáreas no parque Eugenio Granell
O acto político do BNG na Praza da Quintana pódese seguir en directo en vídeo a partir das 12.45. Intervirá Ana Pontón, voceira nacional da formación, e Paulo Ríos, secretario xeral de Galiza Nova.