O PP galego divulga un vídeo de Nadal no que atribúe a crispación ao resto de partidos dous días despois de que Feijóo chamase “socialcomunista” e “sectario” ao Goberno central. O presidente dos populares galegos intervén no vídeo para felicitar unhas festas “sen cores políticas”.
Fálase
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, dá positivo por COVID tras participar martes e mércores en Bruxelas nas negociacións das cotas de pesca da UE. Ela mesma informou a través de Twitter de que está asintomática e que seguirá pendente do sector vía telemática.
A Xunta concede as Medallas Emilia Pardo Bazán a Megumi Shiozawa, á Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense e á Rede Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo. O Goberno galego recoñece con esta iniciativa por segundo ano "o labor a favor da igualdade entre homes e mulleres para construír unha sociedade máis igualitaria baseada nos principios de igualdade, xustiza e solidariedade".
A Xunta deixará de renovar automaticamente a partir do 1 de xaneiro o trámite trimestral para seguir cobrando a prestación por desemprego. En marzo o Goberno galego deixou en suspenso polo coronavirus a obriga de renovar cada tres meses as demandas de emprego, trámite necesario para cobrar a prestación. A Xunta di que avisará por SMS e correo electrónico ás persoas afectadas e ofrecerá vías de tramitación a distancia para que non teñan que facelo presencialmente nas oficinas de emprego.
A Copa da Raíña de fútbol sala terá final galega entre o Burela e o Poio o vindeiro domingo. O equipo burelao impúxose 5-3 ao Alcorcón e o conxunto de Poio gañou 1-0 ao Universitat d'Alacant.
O Ministerio de Sanidade confirma que a vacinación da COVID-19 comezará en España o 27 de decembro, primeiro día sinalado pola Comisión Europea para comezar a administrala. Así o vén de ratificar o ministro Salvador Illa.
Feijóo anuncia un pleno da Real Academia Española en Galicia durante 2021. O presidente da Xunta argumenta que "non podemos permitir que a segunda lingua máis falada do mundo, o castelán, sexa utilizada como moeda de cambio". Anunciou a "aceptación" deste convite tras asistir en Madrid a un encontro da Fundación da RAE presidido polo rei, na que os presidentes das comunidades autónomas son padroeiros por quendas rotatorias. (Foto: Xunta)
A Xunta confirma que vai contratar, por ata 1,2 millóns de euros, un seguro para cubrir os gastos sanitarios de turistas que se contaxien do coronavirus en Galicia. Os detalles da póliza e as súas coberturas coñeceranse cando conclúa o proceso de contratación. Na imaxe, o vicepresidente Rueda na reunión posterior ao Consello da Xunta (CC BY-SA David Cabezón / Xunta)
O pleno do Congreso dos Deputados aproba a lei de eutanasia por 198 votos a prol, 138 en contra e dúas abstencións.
AMPLIAMOS 👉 A lei de eutanasia, aprobada no Congreso por ampla maioría 22 anos despois da morte de Ramón Sampedro
O Tribunal Superior de Galicia anula o ERE de Alcoa ao apreciar “mala fe” nas negociacións por parte da empresa. Máis información, neste espazo de Praza.gal.