O Ministerio de Sanidade confirma que a vacinación da COVID-19 comezará en España o 27 de decembro, primeiro día sinalado pola Comisión Europea para comezar a administrala. Así o vén de ratificar o ministro Salvador Illa.
Fálase
Feijóo anuncia un pleno da Real Academia Española en Galicia durante 2021. O presidente da Xunta argumenta que "non podemos permitir que a segunda lingua máis falada do mundo, o castelán, sexa utilizada como moeda de cambio". Anunciou a "aceptación" deste convite tras asistir en Madrid a un encontro da Fundación da RAE presidido polo rei, na que os presidentes das comunidades autónomas son padroeiros por quendas rotatorias. (Foto: Xunta)
A Xunta confirma que vai contratar, por ata 1,2 millóns de euros, un seguro para cubrir os gastos sanitarios de turistas que se contaxien do coronavirus en Galicia. Os detalles da póliza e as súas coberturas coñeceranse cando conclúa o proceso de contratación. Na imaxe, o vicepresidente Rueda na reunión posterior ao Consello da Xunta (CC BY-SA David Cabezón / Xunta)
O pleno do Congreso dos Deputados aproba a lei de eutanasia por 198 votos a prol, 138 en contra e dúas abstencións.
AMPLIAMOS 👉 A lei de eutanasia, aprobada no Congreso por ampla maioría 22 anos despois da morte de Ramón Sampedro
O Tribunal Superior de Galicia anula o ERE de Alcoa ao apreciar “mala fe” nas negociacións por parte da empresa. Máis información, neste espazo de Praza.gal.
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, anuncia que a vacinación da COVID-19 comezará en toda a UE entre os días 27 e 29 deste mes. O vindeiro luns, 21, a Axencia Europea do Medicamento prevé validar a vacina de Pfizer. (Na imaxe, vacinación da gripe nun centro de saúde da Coruña)
'Gromo’, ‘máscara’, ‘nós’, ‘pandemia’, ‘seteiro' e ‘vacina’ optan a se converter na Palabra do Ano, na votación que todos os anos impulsan a Real Academia Galega e a Fundación Barrié e que estará aberta ata o 25 de nadal. Varios dos termos están relacionados coa situación xerada pola Covid-19 (como gromo), pero tamén hai un oco para o centenario da Xeración Nós ou para a terminoloxía normalizada das constelacións, presentada recentemente, pois seteiro é unha das denominacións propostas para Sagittarius. 'Sentidiño', 'Deseucaliptización' e 'Afouteza' foron as palabras escollidas os tres últimos anos.
Feijóo e Baltar “avalían a evolución” do parque acuático prometido en 2016 e que “comezará pola execución das piscinas” no recinto deportivo xa existente de Monterrei. A comezos deste ano a propia Xunta adiou cando menos ata o verán de 2023 un proxecto que asegura que acometerá por fases e que custará máis de 8 millóns de euros. [Imaxe: @ManuelBaltar]
A Xunta confirma o peche perimetral de Galicia do 23 de decembro ao 6 de xaneiro, pero coas visitas a familiares como excepción. Toda a información sobre o plan do Sergas para o Nadal, neste espazo.
A Axencia Europea do Medicamento adianta ao luns a súa reunión para validar a vacina de Pfizer contra o coronavirus e a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen felicítase e considera posible que as primeiras doses se administren antes de rematar o ano.
- HEMEROTECA (novembro) | As vacinas de Pfizer e Moderna contra a COVID, entre a esperanza e a cautela