A nova estación intermodal da Coruña levará o nome de María Casares, segundo anunciou a alcaldesa, Inés Rey, durante o seu discurso de Nadal, no que fixo balance do 2025 e marcou os obxectivos para 2026.
A nova estación intermodal da Coruña levará o nome de María Casares, segundo anunciou a alcaldesa, Inés Rey, durante o seu discurso de Nadal, no que fixo balance do 2025 e marcou os obxectivos para 2026.
A Xunta convoca 73.600 persoas maiores de 60 anos para vacinarse fronte á gripe nos hospitais públicos esta fin de semana. Estas novas xornadas extraordinarias de vacinación, ante o avance da doenza, desenvolveranse o sábado de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas nos hospitais comarcais e principais das sete áreas sanitarias e tamén o domingo nos grandes complexos hospitalarios.
Sirat, de Oliver Laxe, precandidata en cinco categorías dos Oscar. A coñecida como shortlist dos premios da Academia de Hollywood inclúea como aspirante a mellor filme internacional e tamén nas categorías de mellor son, mellor cásting, fotografía e canción orixinal. [Imaxe: © Quim Vives]
Luís Tosar recibe a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes xunto a 34 persoeiros e entidades máis. O Consello de Ministros aprobou este martes a concesión destes galardóns a proposta do ministro de Cultura, Ernest Urtasun. O Goberno de España cualifica o actor lucense como un dos "máis sólidos e versátiles do cinema español, capaz de transitar con naturalidade entre o drama, o thriller, a comedia ou o cine de autor". Foto: RTVA.
SOS Sanidade Pública concéntrase ante o Parlamento para denunciar uns "Orzamentos continuístas" na xornada na que quedaron aprobadas as contas que, segundo a plataforma, "non incrementan o gasto necesario para afrontar a crise da sanidade pública galega".
O Parlamento aproba definitivamente os Orzamentos da Xunta para 2026 cos votos do PP. As contas públicas do ano vindeiro manexan ata 15.967 millóns de euros, contando a débeda e outros gastos financeiros, o que supón un incremento medio próximo ao 4% en relación coas de 2025. Durante o debate final, o BNG lamentou o "non absoluto" ás súas 575 emendas parciais e a deputada Noa Presas pregunta ao PP "quen son os do non". O PSdeG, pola súa banda, subliña a través de José Ramón Gómez Besteiro que formulou "435 emendas, 3.606 nos últimos tres orzamentos" e "só aceptaron oito, catro por correccións de redacción". O PP salienta que os Orzamentos "quedan aprobados por 17º ano consecutivo en tempo e forma", aínda que en realidade é o trixésimo quinto exercicio seguido no que saen aprobados en prazo.
Retiran do mar e despezan unha balea de 21 metros e 30 toneladas que apareceu morta na costa da Coruña. Un importante dispositivo despregouse no peirao coruñés de Oza para erguer o cetáceo que aparecera morto fronte ao Portiño este pasado sábado. Imaxe da TVG.
A débeda da Xunta pechou o terceiro trimestre do ano en 12.051 millóns de euros, o equivalente ao 14,2% do PIB galego. É un descenso superior a un punto e 800 millóns a respecto do trimestre previo e oito décimas e cen millóns menos que hai un ano, segundo os datos que vén de divulgar o Banco de España.
A folga docente no ensino público comeza co peche en Verín de profesorado que impulsa a "creación dun movemento asembleario na provincia de Ourense", seguindo o exemplo do que se está a dar en Vigo, Costa da Morte ou Santiago. 26 docentes duns dez centros ourensáns reclaman melloras nas súas condicións, buscan implicar as familias nas protestas e non descartan unha "folga indefinida". Máis información, hoxe en Praza.gal.
O Ministerio de Traballo pecha un acordo con CCOO e UGT para ampliar a dez días laborables os permisos por falecemento dun familiar. O pacto inclúe a posta en marcha de dous novos permisos para acompañamento de familiares en coidados paliativos e para acompañamento na eutanasia.