O Parlamento aproba definitivamente os Orzamentos da Xunta para 2026 cos votos do PP. As contas públicas do ano vindeiro manexan ata 15.967 millóns de euros, contando a débeda e outros gastos financeiros, o que supón un incremento medio próximo ao 4% en relación coas de 2025. Durante o debate final, o BNG lamentou o "non absoluto" ás súas 575 emendas parciais e a deputada Noa Presas pregunta ao PP "quen son os do non". O PSdeG, pola súa banda, subliña a través de José Ramón Gómez Besteiro que formulou "435 emendas, 3.606 nos últimos tres orzamentos" e "só aceptaron oito, catro por correccións de redacción". O PP salienta que os Orzamentos "quedan aprobados por 17º ano consecutivo en tempo e forma", aínda que en realidade é o trixésimo quinto exercicio seguido no que saen aprobados en prazo.