Seguridade Alimentaria activa unha alerta sanitaria por toxina botulínica no atún en aceite de xirasol de DIA. O produto, distribuído fóra de Galicia, foi elaborado en Frinsa del Noroeste S.A., con sede en Ribeira.
Fálase
Defende A Galega mobilízase no #VenresNegro67CRTVG denunciando que "non hai avances" logo de 67 semanas de protesta. O persoal mobilizado advirte de que o verán nos medios públicos foi "de refritos, constantes redifusións, departamentos baleiros, programas fallidos e máis desmantelamento" e piden que a xente se "sume ao negro".
Falece Rosario Albán, fundadora do Centro de Estudos da Língua e Cultura Galegas na Universidade Federal da Bahia. A Asociación Internacional de Estudos Galegos amosou o seu "fondo pesar" nun comunicado.
A Garda Civil intercepta un condutor que non respectou as restricións por néboa na A-8 ao seu paso por Mondoñedo. A vía estivo pechada desde o mediodía deste xoves ata a mañá deste venres, cando seguiu con limitacións de velocidade por falta de visibilidade, unha situación que se produce en plena operación retorno de agosto.
A Xunta publica no DOG a autorización definitiva a Erimsa para extraer cuarzo dunhas 200 hectáreas de uso agrícola en Mesía. O permiso ambiental, avanzado hai dous meses por este diario, establece que a empresa só poderá explotar leiras cuxos propietarios llas aluguen de xeito voluntario e obriga a devolvelas “listas para o seu uso agrario” no ano seguinte.
Té con Gotas analiza de urxencia no seu podcast a suspensión do Parlamento no Reino Unido tras aceptar a raíña a petición de Boris Johnson.
A vicepresidenta do Goberno central, Carmen Calvo, saca peito no Congreso do traballo de Salvamento Marítimo para responder ás críticas polo Open Arms: “Axudaron a 50.000 persoas”. O responsable da ONG, entre outros, lamentara a demora do Goberno español en reaccionar.
O diario luso Público dedica un artigo á relación do portugués e o galego: “linguas irmás, ningunha submetida á outra”. O autor adianta a publicación futura dunha investigación que reivindica no país veciño a orixe galega do portugués.
Estes venres día 30 e domingo día 1, coincidindo coa operación retorno de agosto, volve haber folga parcial de CGT en Renfe en reclamación de máis persoal. Os paros, como nas xornadas puntuais previas de xullo e agosto, serán entre as 12 e as 16 e entre as 20 e as 24 horas.
O disidente das FARC 'Iván Márquez', antigo número dous da guerrilla colombiana, anuncia que retoma as armas. Fixoo nun vídeo, acompañado doutros ex-dirixentes da organización, no que acusou o Goberno de incumprir o acordo de paz. Enrique Santiago foi clave naquelas negociacións.