A Xunta publicita “unha nova cuneta” na Autovía Ferrol-Vilalba. O Goberno galego divulga a renovación 1.400 metros da drenaxe da estrada nas proximidades das Pontes por 583.000 euros. Na primeira semana de prohibición de actos electoralistas antes do 12X a Xunta xa publicitara unha ducia de asfaltados.
Fálase
A Xunta fai oficial este luns, unha semana despois de permitilo o Goberno central, a súa decisión de ampliar do 40% ao 50% a capacidade da hostalaría na actual Fase 2 do desconfinamento. O DOG tamén establece que o persoal de loita contra o lume se centre agora nesa tarefa e só interveña na prevención do coronavirus a petición expresa de Sanidade. [Imaxe: Turismo de Galicia]
Nova xornada de mobilizacións na Mariña contra o peche dunha das dúas factorías de Alcoa en San Cibrao. O persoal trasladouse este domingo a Ribadeo nunha mobilización que incluíu o corte da ponte dos Santos, que marca o límite entre Galicia e Asturias. A esixencia de implicación dos gobernos galego e central para frear o peche e da aprobación do estatuto electrointensivo por parte do Ministerio de Industria seguen no centro das reivindicacións.
Avistadas varias crías de píllara das dunas en praias da contorna de Ferrol. Medio Ambiente lembra á poboación "a importancia de manter a distancia coas zonas de cría e cos bordes das zonas dunares" para protexer esta especie ameazada, elixida ave do ano por SEO/Birdlife no pasado 2019. (Imaxe tomada por Felipe Ogando Martínez e cedida á Xunta)
ERC pacta co PSOE a abstención na seguinte prórroga do estado de alarma polo coronavirus, que sería a última. Segundo avanza La Vanguardia, o Goberno central comprometeríase a que o Govern catalán poida participar na xestión conxunta do desconfinamento
Galicia vive hoxe outra xornada de altas temperaturas, superiores aos 30 graos en moitos puntos do país. Meteogalicia tamén prevé, non obstante, treboadas na segunda parte da xornada.
O Concello da Coruña aproba o Plan de Reactivación Económica e Social para paliar as consecuencias socioeconómicas do coronavirus. O proxecto foi presentado pola alcaldesa, Inés Rey, e está avalado por todas as forzas da corporación municipal (PSdeG, PP, Marea Atlántica, BNG e Ciudadanos). O documento pode ser consultado nesta ligazón
O Ministerio de Inclusión prevé "recoñecer de oficio a 100.000 fogares" o ingreso mínimo vital e comezar a pagalo "a finais de xuño". O ministro Escrivá ratifica ademais que o seu departamento vai fixar "un mínimo que cada comunidade autónoma poderá complementar". O Consello de Ministros aproba mañá a medida. Avanzouno nunha entrevista en Onda Cero
Temor entre o persoal de Alcoa en San Cibrao a que a multinacional anuncie hoxe un alto número de despedimentos no complexo industrial mariñao e mesmo o peche dunha das dúas factorías. O encontro está previsto para este mediodía en Lugo e a empresa admite que vai anunciar "medidas laborais". Paralelamente, Alcoa citou tamén ao seu comité de empresa europeo en Madrid. Máis información, hoxe en Praza.gal
A voceira parlamentaria do PP cualifica no Congreso como "terrorista" ao pai de Pablo Iglesias, detido durante a ditadura por "propaganda antifranquista". Un membro de Vox xa fora condenado a indemnizar o pai do actual vicepresidente segundo do Goberno central e líder de Podemos tras unha acusación semellante á lanzada hoxe por Cayetana Álvarez de Toledo. Previamente, Iglesias referírase a Álvarez de Toledo como "marquesa", título nobiliario que ostenta dende 2013.