Xoel López e o Deportivo presentan 'Voa', o novo himno do club. O seu vídeoclip pode verse xa desde este martes. "Voa Dépor, voa. Contra o vento, sempre voa", di o retrouso desta peza composta polo músico coruñés e que conta con varias colaboracións, entre elas as de Belém Tajes, Caamaño & Ameixeiras, Susana Seivane, Brais Maceiras, Xacarandaina, a Orquestra Sinfónica de Galicia ou o Coro Cantabile.
A peza vén de ser estreada como un dos acontecementos pola celebración do 120º aniversario do club branquiazul, que volve este ano a Primeira División logo de oito anos fóra da elite.