A Consellería de Medio Ambiente erixe Sanxenxo en "bo exemplo de municipio turístico sostible" e convida outros municipios galegos a imitalo. Na súa visita á vila a conselleira Ángeles Vázquez volveu ligar as bandeiras azuis das praias á protección do medio ambiente malia que a entidade que as concede admite que poden prexudicalo.
Fálase
O ex-líder do PP en Santiago e ex-conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, toma posesión como presidente do Consello Económico e Social. Substitúe no posto a Corina Porro, que foi nomeada delegada da Xunta en Vigo tras ser situada á fronte da xestora do PP nesa cidade. Hernández asegura que apostará pola "independencia" do CES (Imaxe: Ana Varela/Xunta)
Regresa Fariña, agora como obra de teatro. Xosé Antonio Touriñán e Nacho Carretero impulsan esta produción, que se estrea o 25 de outubro no Teatro Colón da Coruña e que e despois xirará por auditorios de todo o país. Con texto de José Prieto e dirección de Tito Asorey, a obra está protagonizada por María Vázquez, Marcos Pereiro, Sergio Zearreta, Cristina Iglesias e o propio Touriñán. Toda a información, en Vinte.
O persoal de Alcoa San Cibrao acorda un calendario de protestas "para evitar o peche da fábrica". Incluirá concentracións semanais, marchas, manifestacións, unha mobilización en Madrid e xestións en busca de apoios institucionais
O PP bota man de Rosa Díez para impulsar o seu proxecto de confluencia de dereitas 'España Suma', que Feijóo eloxia para "fóra de Galicia". A ex-líder de UPyD e antiga dirixente do PSOE foi gabada por Pablo Casado, que di botar "de menos" a súa presenza no Congreso.
Sánchez rexeita a proposta de Iglesias de formar unha coalición a proba ata ter Orzamentos. O presidente do Goberno central insiste en que non se dan "as bases mínimas de confianza".
Feijóo asegura que a Xunta non pretende "competir en luces" con Abel Caballero porque el mesmo pediu "hai un ano" a Audasa un novo alumeado para a ponte de Rande, no que está disposto a achegar "unha axuda económica". O Goberno galego anunciou ese proxecto este mércores, xusto mentres o alcalde de Vigo presentaba o alumeado de Nadal.
O autor do roubo do Códice Calixtino, excarcerado por razóns médicas. O estado de saúde de Manuel Fernández Castiñeiras agravouse no último ano despois de que a pasada primavera tivese que ser hospitalizado por mor dun derramo cerebral.
A asociación de editores de libros de texto que hai unha semana dixo sufrir presións das comunidades autónomas afirma agora que estas non existen. Agrega que se trataba de comentarios referidos a unha época "moi remota". Infolibre recolle as súas declaracións tras reunírense coa ministra de Educación en funcións.
A poeta galega Yolanda Castaño estrea hoxe na televisión pública de Asturias o programa Igualex, centrado na "educación sexual dende o feminismo" e na "prevención da violencia machista".