A Xunta comunica que este sábado comeza a época de caza de corzo e xabaril. No último caso durará ata o 28 de febreiro despois de que o Goberno galego decidise o pasado ano aumentar un mes a tempada “ante a sobreabundancia da especie”.
Fálase
Profesionais da CRTVG reclaman no Venres Negro 118 a creación do Consello de Informativos previsto por lei hai case nove anos para velar pola súa independencia.
A Xunta publica no DOG o regulamento oficial da súa aplicación Passcovid fronte ao coronavirus, que xa pediu integrar coa que está a desenvolver o Goberno central.
Liberty, empresa aspirante a mercar a planta de aluminio de Alcoa na Mariña, presentará a súa oferta na terceira semana de setembro, tras unha auditoría. A pasada semana Alcoa aceptou ampliar ata finais dese mes a negociación para salvar a planta ao pedilo conxuntamente Xunta, Estado e sindicatos.
Gonzalo Caballero informa de que debe permanecer en confinamento por risco de coronavirus e non asistirá este xoves á constitución das comisións do Parlamento. O líder do PSdeG di que deu negativo nunha PCR que se lle fixo tras ter febre este martes pero “seguindo o protocolo debo estar 48 horas sen contactos”.
Feijóo recomenda agora máscara permanente na escola a partir dos 6 anos pero deixa en mans estatais que sexa unha obriga. O presidente evita novas medidas polo brote da Coruña, do que asegura que non están saíndo casos a outras zonas e “parece” que diminúe. Ampliamos aquí a información.
A Xunta solicita adherirse á aplicación Radar Covid do Goberno central para a detección e rastrexo de contactos de persoas con coronavirus. O Goberno galego quere unila e facela interoperable coa aplicación galega Passcovid na que viña traballando.
Abel Caballero anuncia que o alumeado de Nadal comezará a instalarse en Vigo este mércores 19 de agosto, varias semanas antes que o pasado ano “por mor dos protocolos contra o coronavirus”. En 2019 o Concello aumentou a partida prevista para aquelas festas e as deste 2020 a máis dun millón de euros cada ano argumentando, antes da aparición do coronavirus, a "desaceleración agravada pola situación sociopolítica".
O Porto de Vigo gasta 150.000 euros nunha escultura aos soldados retornados da Guerra de Cuba. Tras un concurso público será elaborada por José Molares, o autor da figura de Verne xa existente nos peiraos vigueses. A entidade que preside o popular Enrique López-Veiga tamén prepara unha exposición sobre a chegada a Vigo dos soldados que se desenvolverá de decembro a marzo.
Pablo Casado substitúe a Cayetana Álvarez de Toledo como portavoz do PP no Congreso nun movemento que fai á ex-ministra Ana Pastor vicesecretaria de Política Social. A nova portavoz no Congreso será Cuca Gamarra, á que Pastor substitúe como vicesecretaria, e o alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, será portavoz xeral do partido.