A Audiencia da Coruña absolve o ex-conselleiro Dositeo Rodríguez e mais a Marina Castaño de malversación na Fundación Camilo José Cela. Consulta aquí toda a información
Fálase
A Câmara Municipal do Porto aproba a suspensión da autorización de novos aloxamentos turísticos nas zonas máis saturadas da cidade mentres é aprobada a norma que os regulará. A suspensión é por seis meses, pero é prorrogable. A presión turística é un debate presente en Portugal dende hai anos, inicialmente en Lisboa e agora tamén no Porto.
Hai hoxe 35 anos o Parlamento aprobaba a lei de creación da CRTVG. Ao ano seguinte, na véspera do Día Nacional de Galicia de 1985, a Televisión de Galicia iniciaba as súas primeiras emisións. Antes, o 24 de febreiro, xa o fixera a Radio Galega.
O Goberno central pon en marcha nun xulgado da Coruña a demanda civil para tentar recuperar o Pazo de Meirás, segundo avanza El País. Arguméntaa, entre outros aspectos, revelando a nulidade do contrato de suposta compra-venda que sinalara o informe xurídico da Deputación da Coruña e baseándose no informe da comisión de expertos impulsada dende o Parlamento. Máis información, hoxe en Praza.gal
Enxurrada de videoclips, parte 2. Vinte repasa a colleita de videoclips galegos que viron a luz dende a pasada primavera
O Supremo ratifica a sentenza do condenado polo caso Campeón que non chegara a un acordo coa Fiscalía como o resto de acusados. Hai ano e medio 11 dos 12 implicados, entre eles tres cargos públicos do PP aos que a Xunta evitou acusar, aceptaron ser condenados por corrupción a cambio de ver rebaixadas as súas penas pero un deles, Javier Rodríguez, da empresa Proitec, optou por ir a xuízo e agora o alto tribunal ratifica a súa condena como cómplice nun delito de fraude de subvencións. O líder da trama, Jorge Dorribo, morreu hai dous meses.
O alcalde e o arcebispo de Santiago, partidarios de que o Papa Francisco visite a capital galega no Xacobeo 2021. "Agradaríanos moito, imos tentalo", afirmou Julián Barrio tras recibir a Xosé Sánchez Bugallo no Arcebispado. Ambos ocupaban estes mesmos cargos en 2010, cando o Papa emérito, Bieito XVI, viaxou a Compostela.
Ciudadanos rexistra un escrito no Parlamento galego para pedir "unha declaración institucional da Xunta" para "condenar os ataques sufridos por representantes" deste partido "na manifestación do Orgullo" en Madrid. Fano porque "o que pasou foi moi grave", di o seu secretario de organización, Laureano Bermejo. As mobilizacións do Orgullo en Galicia desenvolvéronse o propio 28 de xuño.
Un Goberno "do PSOE e Unidas Podemos" é a opción máis apoiada polo electorado (26,4%) seguida dun "Goberno do PSOE en solitario" (20,2%), segundo o barómetro postelectoral que vén de publicar o CIS e que está a debullar eldiario.es.
Persoal de Coren maniféstase en Ourense contra a "represión sindical" que, denuncia a CIG, sufriu un traballador "despedido por formar parte da candidatura" deste sindicato. A central e o propio afectado aseguran ser vítimas de "prácticas mafiosas" por parte da empresa, que declinou pronunciarse ao respecto.