O avogado da familia Franco denuncia "acoso" tras a denuncia presentada polo Estado para a devolución do Pazo de Meirás e asegura que o título de propiedade do inmoble é "lexítimo e válido". Luis Felipe-Utrera Molina fixo estas declaracións no diario La Razón.
Fálase
A Xunta presenta o Plan Estratéxico do Xacobeo, que segundo avanzara Feijóo aposta por abrir unha "era xacobea" de "5.000 días" e prevé un investimento inicial duns 250 millóns de euros.
Defende A Galega celebra o seu #VenresNegro61CRTVG contra a "manipulación" e o "desmantelamento" advertindo de que "unha radio en diferido non é un servizo público". O persoal mobilizado da CRTVG denuncia que a Radio Galega emite este verán "máis de 200 horas de programación gravada, boa parte dela repetida".
Pablo Iglesias asegura que a súa presenza ou non como ministro "non vai ser un problema" para pactar co PSOE "sempre e cando non haxa máis vetos" e Unidas Podemos teña "presenza proporcional" aos seus votos no Consello de Ministros dun Goberno de coalición.
O PP anuncia que celebrará o seu acto polo Día Nacional de Galicia o día 23 en Lalín ante a escultura que representa a Balbino, o protagonista de Memorias dun neno Labrego de Xosé Neira Vilas, como "homenaxe á Galicia rural". Hai dous anos os populares organizaran un acto semellante ante o busto de Fraga en Vilalba e en 2018 non realizaron celebración específica ningunha xa que, explicaran, o funeral de Albor promovido pola Xunta xa constituíra unha homenaxe "galeguista".
Adelante Andalucía e En Comú Podem únense a Más Madrid, MÉS e Compromís para formar grupo no Senado e desvincúlanse da marca de Podemos. As formacións lideradas por Teresa Rodríguez e Ada Colau, respectivamente, integrarán o grupo onde tamén está a formación impulsada por Errejón.
Blues Museum. As mulleres cantan blues esta fin de semana en Lugo. Vinte repasa algunhas das principais artistas que pasarán dende hoxe e ata o domingo pola terceira edición do festival lucense Blues Museum, na contorna do Museo Provincial da capital lucense.
Guadi Galego estrea un tema en catalán, 'Fronteres', o segundo sinxelo de 'Immersion'. A artista galega interpreta o tema con Clara Peya, Judit Neddermann, Vic Moliner e Pau Brugada.
A Xunta ratifica a concesión da Medalla de Ouro de Galicia aos ex-presidentes de Asturias e Castilla y León, Javier Fernández (PSOE) e Juan Vicente Herrera (PP). O Goberno galego entrega o día 24 estas distincións, que nas súas tres décadas de historia recibiron maioritariamente homes e dirixentes afíns aos populares.
A plataforma de vítimas de Angrois reúnese co novo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, en vésperas do sexto aniversario do accidente. O colectivo de persoas afectadas polo descarrilamento ultima os actos de protesta e lembranza que desenvolverán durante a vindeira semana.