Falece aos 78 anos Mauro Varela, ex-presidente da desaparecida Caixa Galicia, segundo informa El Progreso. Avogado de profesión, foi tamén deputado do PP no Parlamento e no Congreso.
Fálase
O Consello da Xunta aproba o anteproxecto da lei de acción exterior de Galicia que anunciara Feijóo o pasado verán. O Goberno galego regulara esta materia por decreto tres anos antes. Neste espazo de Praza.gal, representantes das principais forzas políticas e mais o director xeral de Relacións Exteriores da Xunta explicaron as súas prioridades neste ámbito.
Pilar de Lara cesa como titular do xulgado de instrución número 1 de Lugo ao facerse efectiva a sanción de 7 meses interposta polo Poder Xudicial, que implica a perda do seu destino en Lugo. Xusto antes, De Lara emitiu un auto para negarse a dividir en 32 pezas o asunto central da operación Pokémon, como pedía a Fiscalía. Ampliamos neste espazo toda a información
R indica que ten "en proceso de solución" a incidencia que deixou sen conexión a internet a centos de fogares, institucións e empresas por toda Galicia. "Estamos a recuperar o servizo de internet fixo e móbil de forma gradual", indican. Algunhas das institucións afectadas, como a Xunta, xa comezaron a recuperar o servizo.
Un fallo no servizo de R deixa sen internet fixo e móbil a multitude de fogares, empresas e institucións por toda Galicia, entre elas á Xunta -que recuperou os seus servizos web pouco despois das 10 da mañá-. "Xa están os nosos técnicos a traballar para intentar resolvelo o antes posible", indica a compañía.
O escritor Manuel Rivas subliña que, como académico da RAG, "non asistirei a ningún acto no que estea o presidente da Xunta" mentres "non derroguen o decretazo de exterminio do idioma galego". "É o que levo tempo facendo", engade nas redes sociais.
A CIG convoca mobilizacións para este serán baixo o lema Recuperar dereitos para avanzar coa derrogación das reformas laborais e medidas para protexer a industria ou as pensións no centro das reivindicacións.
O Parlamento Europeo aproba definitivamente a saída do Reino Unido da UE por 621 votos a prol, 49 en contra e 13 abstencións. O Brexit será efectivo dende o 1 de febreiro.
O Hospital Universitario da Coruña ampliarase na súa localización actual tras rexeitar a Xunta a opción de construír un novo recinto nos terreos da fábrica de armas. A operación ascenderá a uns 400 millóns de euros.
O Parlamento homenaxea por unanimidade as vítimas do Holocausto e, por segundo ano consecutivo, lembra explicitamente os "máis de 10.000 republicanos españois que terminaron deportados nos campos nazis pola colaboración do ditador Francisco Franco co nazismo alemán e o fascismo italiano", uns 200 deles galegos. A declaración institucional íntegra pódese consultar aquí. Na imaxe, homenaxe ás vítimas galegas do nazismo no Parlamento, en 2018.