O Celta volve a Europa. O equipo de fútbol vigués gaña o partido contra o Getafe (1-2) e competirá na Europa League a vindeira tempada. O gol da vitoria celeste é de Iago Aspas. [📸 RC Celta]

O Celta volve a Europa. O equipo de fútbol vigués gaña o partido contra o Getafe (1-2) e competirá na Europa League a vindeira tempada. O gol da vitoria celeste é de Iago Aspas. [📸 RC Celta]
Oliver Laxe gaña o premio especial do xurado do Festival de Cannes con Sirât. O cineasta lucense comparte o galardón coa película Sound of falling, de Mascha Schilinski, outra das favoritas desta edición do certame francés, no que o director iraní Jafar Panahi gañou a Palma de Ouro con It was just an accident. Oliver Laxe reivindicou a diversidade cultural no seu discurso de aceptación do premio. Sirât, que se traduciría como "camiño" ou "vía", ten unha dimensión física e outra espiritual. Nesta película, os protagonistas están inmersos neste camiño de dúas dimensións. [📸 Laxe co premio en Cannes este sábado © Festival de Cannes]
Rueda avanza que Galicia será "fundamental" para a vitoria de Feijóo nas vindeiras eleccións do Estado. O líder do PPdeG e presidente da Xunta volve acompañar ao presidente estatal do PP na romaría do Pino e incide en sinalar que os comicios estatais son inminentes: "É o momento de dicir a todos os españois que aquí houbo un gran presidente de Galicia e moi pronto haberá un gran presidente de España". Así, asegura que o PPdeG "aportará, construirá e traballará con forza para levar a Feijóo á presidencia".
Sara Guerrero é a Señora das Letras 2025 para o colectivo de crítica literaria feminista A Sega. A autora, nada en Cidade de México en 1994, é xornalista e crítica literaria, publicou con Euseino? o libro Eu son o monte e participou en 2021 no Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo coa súa obra dramática Raigame, coa que gañou o Premio á Mellor Interpretación. Traballa na Fundació Surt de Barcelona. [📸 CC-BY-SA Numax]
Falece o fotógrafo brasileiro Sebastião Salgado, referente internacional do fotoxornalismo e recoñecido como un dos máis importantes representantes da fotografía do século XX. Durante o desenvolvemento do seu proxecto Génesis infectouse cun tipo de malaria en Indonesia, que derivou nunha leucemia que rematou coa súa vida aos 81 anos. [📸 ©Fernando Frazão/Agência Brasil]
Solicitude ao Concello da Coruña para que cambie o nome da rúa Alcalde Sanjurjo polo de rúa Diplomáticos de Monte Alto. A asociación cultural Alexandre Bóveda pide a mudanza en cumprimento da lei de Memoria Democrática e como "homenaxe ao emblemático grupo musical coruñés, símbolo de irreverencia democrática, identidade galega e compromiso social".
Prisión comunicada e sen fianza para o home detido no Barco de Valdeorras despois de que a súa parella caera dun cuarto piso. O Xulgado de Instrución nº2 do Barco investígao por un delito de homicidio ou asasinato en grao de tentativa, cualificación que terán que determinar ao longo da instrución, segundo informa o gabinete de prensa do TSXG, que traslada que a xuíza acordou o ingreso no cárcere polo risco de fuga. A vítima, que presumiblemente fuxía dunha agresión machista, tiña feridas de arma branca previas á caída; e permanece ingresada na UCI. [📸 Concello do Barco de Valdeorras]
O Hospital da Mariña pide identificar os convocantes das concentracións diarias ante o centro. A xunta de persoal denuncia "represión" por parte da dirección e asegura que non abandonará as protestas "en defensa dunha sanidade pública, digna e de proximidade".
Absolto o condenado como cómplice do asasinato de Samuel Luiz por falta de probas. O Tribunal Superior de Xustiza considera que "non consta acreditado que participase na agresión", revoga a sentenza da Audiencia da Coruña que o condenou a 10 anos de cárcere e rexeita os recursos dos outros tres condenados como autores do asasinato, confirmando as penas de 24 anos para un deles e de cadanseus 20 para os outros dous. Máis información, hoxe en Praza.gal.
Prisión provisional para un home por queimar presuntamente a casa da súa ex-parella en Tomiño. A muller estaba na vivenda pero non sufriu danos.