Consellos á esquerda galega tras non dar gobernado outra vez

Sobre de votación para as eleccións galegas do 18F CC-BY-NC-SA Praza.gal

Se algún día -polo que for- o Partido Popular volve sufrir un revés semellante ao do 19 de xuño de 2005 e os votos non lle permiten sumar escanos dabondo para formar goberno en Galicia é moi probable que o seus responsables non pasen polas páxinas deste pequeno xornal á procura de inspiración para endereitar o rumbo. O cal non quere dicir que non o seguisen lendo, conscientes como son da importancia de seguir con atención a quen sostén unha liña editorial diferente ás súas posicións. Un dos seus moitos acertos.

Non pasaran moitas horas dende que o escrutinio provisional do 18F constatou a quinta maioría absoluta consecutiva do PP -o récord de Fraga quedou batido- cando comezaron a agromar máis que unhas preguntas, unhas reflexións a respecto do sucedido á esquerda galega en columnas, artigos ou faladoiros onde -lexitimamente, nunha amplísima maioría de casos- celebran que o único cambio fose (outra volta) na composición da oposición. 

Hai consellos para o PSdeG tras o peor resultado da súa historia nunhas eleccións galegas, pero tamén para o BNG, ao que lle sucedeu xusto o contrario. Repasaremos algúns (sen ánimo exhaustivo).

Son tantas as derrotas totais ou parciais, clamorosas ou pola mínima da esquerda nas eleccións galegas que serían incontables as recomendacións de quen desexa que se repitan ata a eternidade. O mellor que poderían facer BNG e PSdeG é seguilas con atención para coller a dirección contraria coa maior premura posible

Cos seus inéditos 25 escanos e tras superar por primeira vez a barreira do 30% dos votos, ao Bloque hai quen lle recomenda abandonar algúns dos seus sinais de identidade. Dende a imaxe corporativa ata o soberanismo (o "N" das siglas debería dar algunha pista sobre isto último) ou a continuidade da súa candidata, a primeira que consegue o fito de ser tanto ou máis valorada que o cabeza de cartel do PP.

Mesmo hai quen aconsella ao BNG unha boa escisión xusto despois da campaña na que a formación que encabeza Ana Pontón deu en cicatrizar de vez as feridas abertas hai máis dunha década, precisamente, polas divisións internas. En síntese: tras acadaren os mellores resultados da súa historia e romperen o seu teito electoral por segunda elección galega consecutiva, o mellor que poden facer é cambiar de rumbo. Diáfano, todo hai que dicilo.

Para o PSdeG, pola súa banda, as receitas son diversas. Por exemplo, ignoraren a dirección federal do partido tras décadas nas que Ferraz foi un dos atrancos para aspiraren a medrar en Galicia. Tamén apresurárense en decapitar politicamente a José Ramón Gómez Besteiro cando se algo é compartido entre sectores da formación (onde de navalladas algo saben) é que a rotación de caras visibles -ata dez liderados orgánicos, electorais ou parlamentarios distintos en década e media- lastrou irremediablemente as súas posibilidades dende a marcha do presidente Emilio Pérez Touriño, o último dirixente que contou con marxe para construír un proxecto galego para o PSdeG. Mesmo algunha análise reprocha sinaladamente para amosarlle a porta a Besteiro os resultados socialistas en Lugo, unha das poucas contornas nas que melloraron relativamente a respecto dos anteriores comicios galegos.

Son tantas as derrotas totais ou parciais, clamorosas ou pola mínima da esquerda nas eleccións galegas que serían incontables as recomendacións de quen desexa -reiteramos, lexitimamente na maior parte dos casos- que se repitan ata a eternidade. E, se cadra, o mellor que poderían facer BNG e PSdeG é seguilas con atención para coller coa maior premura posible xusto a dirección contraria.

Non quere isto dicir que teñan que poñer as orelleiras e turrar. Se non tivesen nada que mellorar, agora estarían perfilando o primeiro Goberno progresista en década e media. Pero para cociñar un prato máis saboroso e nutritivo élles mellor non aceptar o aceite prestado en determinadas tabernas.

Non quere isto dicir que nacionalistas e socialistas teñan que poñer as orelleiras e turrar, sen máis. Se non tivesen nada que mellorar e as súas formulacións estratéxicas fosen óptimas, a tal hora Pontón e Besteiro estarían perfilando o primeiro Goberno progresista no noso país en década e media. E non terían que preguntarse, por exemplo, por que só nas eleccións galegas (non así nas municipais nin nas xerais) a correlación de forzas entre esquerda e dereita permanece practicamente inmóbil dende a fin do fraguismo, cun PP pétreo na contorna do 47% mentres a banda contraria se recompón unha vez, e outra, e outra máis. 

Hai causas que non están na súa man, é obvio. Van dende a fraxilidade dunha esfera pública galega merecente de tal nome ao ecosistema mediático público e privado, pasando pola dificultade de mudar dinámicas nun sistema social, económico e político con capilares case infinitos cincelado en catro décadas de control do orzamento da Xunta e ata en factores máis antigos que a propia autonomía. Mesmo o propio sistema electoral, que escora á dereita porque así o orientaron os seus arquitectos. Ficar niso pode ser confortable, pero non o explica todo. 

Procurar entender máis e mellor o país que se pretende gobernar e que vota moito polo PP, cuestionar lugares comúns ao respecto, non opoñer un sinxelo "todo mal" ao esmagador "todo ben", preguntarse que leva a ficar na casa en eleccións galegas ao electorado progresista das cidades que si se move noutras eleccións... E todo, procurando xestionar a enésima frustración de quen creu que si, que desta ía, que era agora. Non teñen pouca tarefa por diante. Pero para cociñar un prato máis saboroso e nutritivo élles mellor non aceptar o aceite prestado en determinadas tabernas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.