Dende o principio da lexislatura o Goberno galego e o partido que o sustenta teñen marcado o ano 2027 como punto de inflexión por múltiplos motivos. Vai ser ano electoral, cando menos polos comicios municipais de finais de maio e, se cadra, tamén xerais. E ademais é Ano Santo Compostelán por cadrar o 25 de xullo en domingo e, polo tanto, é Xacobeo.
O Goberno galego ten marcado como clave o 2027, ano de municipais e de Xacobeo, para o que vén de aprobar a convocatoria de patrocinios mentres fai oficial a súa imaxe
Xa pouco despois de revalidar a maioría absoluta en febreiro de 2024 o gabinete de Alfonso Rueda asegurou estar "preparando" o Xacobeo 2027. E agora, a menos dun ano do seu inicio, a Xunta está a dar pasos formais ao respecto mediante encontros con empresas pola convocatoria oficial dos patrocinios do evento, coma o celebrado este martes en Santiago, ou a aprobación oficial da imaxe corporativa da celebración, publicada no DOG esta semana tras recibir o visto e prace do Consello a finais de xaneiro.
Ao contrario que no Xacobeo 2021 -que finalmente foi 21-22 tras a extensión do Ano Santo por mor da pandemia-, desta volta a marca non experimenta un redeseño. Só algúns "axustes" obra da mesma autora, a deseñadora Uqui Permui, "derivados da análise das súas aplicacións".
O logotipo volve ser o deseñado para 2021 por Uqui Permui, pero con algúns "axustes" como a implantación definitiva dunha versión coa cor da imaxe corporativa da Xunta
Así, mantense o logotipo coa redeseñada cuncha de vieira e a tipografía "personalizada" que Permui creou a partir de investigacións sobre tipografías galegas de principios do século XX. Tamén as cores vermella e gris, se ben o manual de identidade incorpora a consolidación "dunha versión do logotipo en branco sobre o azul corporativo da Xunta de Galicia", xa utilizada no anterior Xacobeo.
Dáse a circunstancia de que foi co Xacobeo 2021 xa iniciado cando o Goberno galego culminou unha mudanza completa da súa imaxe corporativa, un traballo do estudio coruñés Costa que tivo como eixo central unificar as múltiplas marcas de entes, organismos e empresas dependentes da Administración autonómica. Tratábase darlle protagonismo á marca da Xunta sobre calquera outra.
Nesta lóxica encadrouse a desaparición de marcas tan relevantes como a do Sergas e a ela lígase o uso do Azul Xunta de Galicia tamén para o Xacobeo cando ambas identidades aparezan ao carón, por exemplo, na papelaría e webs oficiais. Da mesma maneira, a documentación oficial ligada ao Xacobeo terá que estar agora escrita coa tipografía Xunta Sans, a creada especificamente para o Goberno galego coa súa nova imaxe corporativa, e non coa Helvetica Neue marcada no manual de 2021.
Como en 2021, o Xacobeo 2027 deixa atrás os cando menos dous movementos encamiñados a recuperar a imaxe do Pelegrín lanzados pola Xunta en 2010 e 2019
Como xa sucedera en 2021, a marca do Xacobeo 2027 deixa atrás os cando menos dous movementos encamiñados a recuperar neste contexto a imaxe do Pelegrín, a mascota deseñada por Luís Carballo que virou en popular emblema do Xacobeo 93 e tamén foi empregado en 1999 e 2004. En 2010 o daquela conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, anunciara a súa intención de recuperala "cun look máis moderno" en 2019 Turismo de Galicia encargara deseñarlle unha "nova identidade visual" para un Xacobeo 2021 no que non reapareceu na identidade corporativa, pero si nalgúns elementos comercializados baixo licenza oficial, como camisolas.
O manual agora aprobado si evoca o Pelegrín para lembrar o percorrido da identidade visual do Xacobeo, que dende 1999 estivo ligada á forma da cuncha de vieira. Así foi, lembra, "agás durante o período comprendido entre 2006 e 2009, en que se empregou o logotipo deseñado por Océano Visual, baseado na frecha amarela de Elías Valiña". Trátase do logotipo que o Goberno de PSdeG e BNG implantara con vistas ao Xacobeo 2010, pero que o Executivo cancelou co regreso do PP a San Caetano.