Comparece un experto da Axencia Ferroviaria Europea que puxo o foco en como Adif avaliara o risco de accidente por erro humano, informe contra cuxa divulgación manobrou en 2016 o Ministerio de Fomento de Ana Pastor
O xoves 7 de xullo de 2016, case tres anos despois do accidente de Angrois, a investigación do sinistro mudou por completo. Aquel día a UE fixo público un informe da Axencia Ferroviaria Europea que invalidou a investigación oficial do Ministerio de Fomento que apuntara en exclusiva ao maquinista do tren Alvia descarrilado. O autor daquel informe, o xefe do departamento de Seguridade da axencia europea, Christopher Carr, comparecerá este próximo xoves 1 de decembro no xuízo que se está a celebrar agora en Santiago, na que está marcada por todas as partes persoadas na causa como unha das datas máis relevantes da vista oral, xunto coas declaracións en xaneiro dos tres peritos designados polo xulgado instrutor.
Aquel informe da Axencia Ferroviaria Europea, contra cuxa divulgación manobrou o Ministerio de Fomento e a súa daquela titular, Ana Pastor, foi despois ampliado a instancias do xulgado polo propio autor, que tamén compareceu na comisión de investigación política creada no Congreso. A actuación da axencia europea e doutras instancias comunitarias evidenciaron neste tempo a súa relevancia como amparo das vítimas do sinistro en varias facetas das derivadas xudicial, política e técnica arredor do accidente de Angrois.
O informe feito público pola UE en xullo de 2016 concluíu que a análise técnica do accidente de Angrois que fixera a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento non fora independente porque os seus membros foran nomeados polo propio ministerio. Tamén dicía que aquela investigación, que influíra no inicio da instrución xudicial do accidente, puxera o foco no despiste do maquinista sen analizar outras posibles causas relacionadas coa seguridade da liña.
O informe da Axencia Ferroviaria Europea foi feito público o 7 de xullo de 2016 a petición da plataforma de vítimas do accidente e o BNG, pero estaba rematado desde o xaneiro anterior. Manobras do Ministerio de Fomento e da daquela ministra Ana Pastor non lograron evitar a súa publicación pero si demorala a despois das eleccións xerais do 26 de xuño daquel ano.
Un segundo informe da Axencia Ferroviaria Europea tardou un ano en chegar ao xulgado instrutor de Angrois despois de que este enviase a súa petición á estacion de tren de Valenciennes e non á sede do ente comunitario noutro lugar desa mesma cidade francesa
Tras aquel informe europeo a investigación xudicial enfocouse xa claramente a pescudar se Adif e o seu ex-director de Seguridade na Circulación, Andrés Cortabitarte, acusado agora ao mesmo nivel que o maquinista, analizaran e paliaran como debían os riscos existentes na curva de Angrois. E en xuño de 2017 o propio xulgado instrutor decidiu preguntar á mesma Axencia Ferroviaria Europea por diversas cuestións concretas relacionadas con esa análise de riscos.
Esa petición do xulgado á axencia europea deu pé a unha das demoras máis sinxelamente evitables de todas as que rexistraron os máis de nove anos de investigación de Angrois. O xulgado remitiu as súas cuestións non á sede da axencia na cidade francesa de Valenciennes, xunto á fronteira con Bélxica, senón á estación de tren desa localidade. Un erro que non foi detectado ata meses máis tarde, polo que a petición non entrou na axencia ata o 22 de novembro daquel ano, cinco meses despois de saír do xulgado.
Tras recibir a petición do xulgado, a axencia europea entregou as súas respostas á xustiza francesa para que as remitise á española o 15 de xaneiro de 2018, menos de dous meses despois de ser consultada. Pero cinco meses despois esas respostas aínda non chegaran a Santiago. Cando o xuíz instrutor así o fixo ver ás partes, en xuño de 2018, en só dous días a plataforma de vítimas e o BNG lograron facerse coas respostas que o sistema xudicial non fora quen de obter en todo un ano. Unhas respostas que incidiron en que Adif debía avaliar o risco específico de exceso de velocidade que había na curva de Angrois.
En 2018 Christopher Carr compareceu no Congreso, onde dixo que no sistema ferroviario “sempre ten que establecerse un sistema multinivel de protección” pero que no caso de Angrois “só había unha barreira e era o maquinista”
En novembro daquel mesmo 2018 o xefe de seguridade da axencia europea que agora comparecerá no xuízo aínda tería outra intervención significativa sobre o accidente de Angrois. Foi na comisión de investigación política creada no Congreso na que Christopher Carr reiterou en persoa que no sistema ferroviario “sempre ten que establecerse un sistema multinivel de protección” pero que no caso de Angrois “só había unha barreira e era o maquinista”.
Os informes de Carr tamén deron pé a que neste tempo a plataforma de vítimas de Angrois abrise outras frontes políticas e xudiciais á marxe da causa penal sobre o accidente que agora se está a xulgar en Santiago. A consideración da Axencia Ferroviaria Europea de que a investigación técnica oficial non fora independente contribuíu a un procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea contra España por incumprir a normativa comunitaria sobre ese tipo de análises. España reformou a CIAF, que agora a UE xa si considera independente, pero esta nunca realizou unha nova investigación de Angrois.
Esa inexistencia dunha investigación técnica independente do accidente de Angrois nove anos despois do mesmo segue sendo reprochada pola Comisión Europea a España, segundo trasladou por escrito hai tres meses o executivo comunitario ás vítimas. Pero a actual composición da CIAF négase a facer outra investigación e o Ministerio de Transportes di que agora esa nova CIAF xa é independente e polo tanto non lle pode dar ordes. Ante ese bloqueo xurídico, a plataforma de vítimas abriu outro proceso xudicial contra o Estado na vía contencioso-administrativa, na que agora será o Tribunal Supremo quen decida se a CIAF está a actuar legalmente.
Neste tempo as vítimas tamén conseguiron que o Parlamento Europeo reclamase a España a investigación independente nunca realizada. Un despregamento das institucións comunitarias, que recibiron aos afectados antes e con maiores atencións que varias institucións estatais, que este próximo xoves chegará tamén ao xuízo oral polo accidente.