O Goberno galego non incluíu ningunha partida específica nos seus orzamentos para este ano aprobados en decembro malia que o presidente anunciara o novo departamento no debate sobre a autonomía de dous meses antes
O pasado 13 de outubro, no debate anual de política xeral, o coñecido debate sobre o estado da autonomía, o presidente Feijóo anunciou a creación dunha delegación territorial da Xunta en Ferrol no marco do que dicía que era unha aposta do seu Executivo pola comarca fronte ao abandono do que vén acusando ao Goberno de España.
A delegación creouna formalmente por decreto tres meses máis tarde, o 17 de xaneiro, e nomeou á súa fronte á concelleira do PP Martina Aneiros outros dez días despois, o 27 de xaneiro. E agora, máis de catro meses despois do anuncio de Feijóo, a Xunta está a tramitar a dotación do persoal funcionario de apoio da propia delegada con cargo ao programa orzamentario de imprevistos. Deixa así en evidencia que non incluíu ningunha partida específica nos Orzamentos para este 2022 que foron aprobados a finais de decembro, dous meses despois do anuncio de Feijóo, e nos que o PP introduciu emendas ata o último momento.
O pasado luns Praza.gal revelou que só o persoal funcionario de apoio á delegada, cinco prazas de nova creación, custará 220.000 euros ao ano, ao que hai que engadir o soldo de 60.000 euros brutos ao anos da propia delegada e o persoal eventual de gabinete do que se queira dotar, como xa ocorre nas outras delegacións territoriais. Nos últimos días a Xunta facilitou aos sindicatos a memoria económica coa que debe xustificar a creación desas novas prazas a través da modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, e nela indica que “a modificación proposta finánciase con cargo o Programa de imprevistos e funcións non clasificadas” dos orzamentos deste ano.
A memoria económica da modificación da RPT está asinada pola secretaria xeral técnica da Vicepresidencia Primeira con data do 11 de febreiro, malia que ata ben entrado decembro a Xunta, a través do grupo parlamentario do PP, seguiu introducindo modificacións nos orzamentos para este ano. Uns orzamentos nos que hai uns días a Xunta aínda corrixiu diversos erros que eximían de taxas a algúns barcos ou impedían o funcionamento do banco de explotacións agrarias.
Agora, na memoria económica para xustificar a creación das novas prazas de apoio á delegada da Xunta en Ferrol, o Goberno galego tamén argumenta que a medida “non comporta custo económico nin supón incremento do gasto público” ao saír os cartos dunha partida xa orzamentada, aínda que non estivese concretada. Porén, a propia memoria admite que os postos son de nova creación que terán “unha repercusión económica pola cantidade de 218.696,05 euros”.
A nova delegación terá menos órganos que o resto, algunhas funcións dependenrán da Coruña e cada consellería decidirá o reparto da súa estrutura entre as dúas cidades
A delegación da Xunta en Ferrol, a sexta coa que contará o Goberno galego xunto coas das catro capitais provinciais e Vigo, terá menos órganos que o resto e algunhas das súas funcións dependerán da delegación na Coruña. E á marxe desta creación de novas prazas por parte da Vicepresidencia Primeira, cada consellería decidirá o reparto da súa estrutura entre A Coruña e Ferrol, polo que poderían crearse ou moverse máis prazas en cada departamento autonómico.
Ata 2009, nunha estrutura herdada de Fraga que PSdeG e BNG non mudaron, a Xunta contaba con delegacións territoriais de cada consellería en cada provincia. A chegada á presidencia aquel ano de Feijóo supuxo unha reforma coa creación de cinco grandes superdelegacións de todo o Goberno galego nas catro capitais provinciais mais en Vigo, ao tempo que por abaixo suprimíronse as delegacións de cada consellería pero se deu máis peso político ás figuras dos seus xefes territoriais.