A Xunta entrega no aniversario do Prestige un premio ambiental co mesmo nome doutro que Fraga suprimiu tras o afundimento

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, izan a primeira nova Bandeira Verde de Galicia CC-BY-SA Xunta de Galicia

Moaña e Porto do Son reciben a nova Bandeira Verde de Galicia como recoñecemento simbólico ás súas políticas sostibles, un premio que hai tres anos o Goberno galego anunciara que sería para propietarios de montes

Este xoves 12 de novembro, un día antes do 18 aniversario do accidente do Prestige, a Xunta publica no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que concede o distintivo Bandeira Verde de Galicia aos concellos de Moaña e Porto do Son, un recoñecemento simbólico as súas políticas sostibles. O premio, que só garante mellor puntuación de cara a futuras convocatorias de axudas en materia ambiental, recupera o nome doutro premio creado pola Xunta de Manuel Fraga en 1998 para recoñecer a calquera institución, entidade ou organización “que desenvolvan un labor significativo no coidado do medio ambiente”, galardón que se entregou ata 2002 pero que deixou de convocarse tras o afundimento do petroleiro.

A resolución no DOG que outorga as novas bandeiras, con data do 3 de novembro e na que se desbotan as candidaturas dos concellos de Corcubión, Parada de Sil, Riós, As Nogais e Sober por non cumprir os requisitos, publícase tres días despois de que a propia conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, entregase en persoa os galardóns á rexedora de Moaña, Leticia Santos, do BNG, e o rexedor de Porto do Son, Jose Luis Oujo, do PP.

Presentación da nova Bandeira Verde da Xunta a comezos deste ano e acto de entrega da de 2000 con Manuel Fraga CC-BY-SA Xunta de Galicia

A nova Bandeira Verde de Galicia foi anunciada hai máis de tres anos “para aqueles montes que acrediten o uso sostible do espazo natural” sen que se volvese saber da iniciativa ata comezos deste ano, cando o propio presidente Feijóo presentou o premio agora dirixido a “concellos comprometidos coa paisaxe e o medio ambiente”. A Xunta, consultada daquela por este diario, recoñeceu que o nome da distinción é o mesmo que o da época de Fraga, e mesmo coincide co das bandeiras verdes que outorga a centros educativos a asociación ADEAC que tamén entrega as bandeiras azuis ás praias. Medio Ambiente salientou que o obxectivo do seu novo galardón é distinto pero non aclarou por que tardou máis de tres anos en concretar a iniciativa tras anunciala en marzo de 2017.

O premio de Fraga, dun millón de pesetas, ía dirixido a calquera organización significada no coidado do medio ambiente mentres que a nova Bandeira Verde vai a concellos e non ten dotación económica

A Bandeira Verde da época de Fraga foi creada en 1998, co agora directivo de Ence Carlos del Álamo como conselleiro de Medio Ambiente, e contaba con tres categorías, cunha dotación de 500.000 pesetas cada unha: á mellor acción na conservación do bosque, á mellor acción de conservación da biodiversidade e á mellor acción na defensa e loita contra os incendios forestais. En 1999 engadíuselle ás anteriores a categoría de Bandeira Verde á mellor acción de mellora da calidade ambiental, e aumentouse a dotación das catro categorías a un millón de pesetas para cada unha.

En 2000 e 2001 as bandeiras verdes foron integradas nos premios Medio Ambiente de Galicia, que ás catro categorías de bandeiras existentes sumaron ás dos premios ao mellor traballo de investigación científica sobre temática ambiental, á acción ou campaña escolar de temática ambiental, ao labor de divulgación ambiental dirixido aos profesionais dos medios de comunicación e á narrativa curta para creacións literarias sobre temas ambientais. Unha das organizacións gañadoras en 2000, a Asociación Naturalista Baixo Miño (Anabam), conserva na súa web imaxes da entrega das bandeiras daquel ano por parte do propio Fraga.

O alcalde de Porto do Son, Jose Luis Oujo, e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, coa Bandeira Verde de Galicia CC-BY-SA Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.