Besteiro critica a "xestión de brazos caídos" do PP ante o reto demográfico que fai esmorecer o rural

Primeira xornada do ciclo Diálogos con Raíz, este sábado en Celanova © PSdeG-PSOE

O "reto demográfico" constitúe “o maior problema de Galicia” e como tal debe ser un dos piares das políticas que se exerzan no país. Así o destaca o PSdeG-PSOE, que este sábado celebrou en Celanova a primeira das xornadas do ciclo Diálogos con Raíz

O "reto demográfico" constitúe “o maior problema de Galicia” e como tal debe ser un dos piares das políticas que se exerzan no país. Así o destaca o PSdeG-PSOE, que este sábado celebrou en Celanova a primeira das xornadas do ciclo Diálogos con Raíz, que comezou centrada precisamente no reto demográfico. O ciclo componse dunha serie de debates con expertos e expertas e abertos á cidadanía co obxectivo de "abordar os temas que lles interesan ás galegas e aos galegos e impulsar o proxecto político do PSdeG", dende sanidade a enerxía, pasando por igualdade e dependencia.

Os Diálogos con Raíz ábrense falando de demografía, isto é de envellecemento e despoboamento rural, e fano na provincia de Ourense, unha das “zonas cero do despoboamento en España”. Nesta xornada o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, criticou o "desleixo" do goberno galego en materia demográfica, logo de 15 anos de xestión “de brazos caídos, sen presentar medidas decisivas e reais para afrontar un problema de primeira orde”, cando Feijóo “miraba para outro lado mentres Galicia se partía en dous, a dúas velocidades”, cun modelo que “Rueda perpetúa”.

Gómez Besteiro en Celanova no ciclo "Diálogos con Raíz" © PSdeG-PSOE

Besteiro, criticou o "desleixo" do goberno galego en materia demográfica, logo de 15 anos de xestión “de brazos caídos, sen presentar medidas decisivas e reais para afrontar un problema de primeira orde”, cun modelo que “Rueda perpetúa”

Besteiro sinalou que a Lei de Impulso Demográfico de 2020 demostrouse un fracaso ao ser concibida como un instrumento “claramente insuficiente” que nin sequera tivo o desenvolvemento necesario, limitándose a unha acción “para a galería”. E destacou que o Reto Demográfico "constitúe unha prioridade para a acción política dos socialistas galegos", por canto “demografía, economía e territorio sostible van da man”. 

O líder dos socialistas galegos criticou que máis dunha década de xestión do PP á fronte do goberno, “non serviu máis que para acentuar as diferenzas da Galicia de dúas velocidades”, ao desmantelar os servizos públicos no rural dividindo aos galegos “de primeira e de segunda”. E reivindicou que “cada galego e galega, cada cidadán de cada pobo e de cada cidade, debe ter os mesmos dereitos e liberdades, e o goberno autonómico ten a obriga de garantir que así sexa.

Besteiro criticou a xestión do PP á fronte do goberno, que “non serviu máis que para acentuar as diferenzas da Galicia de dúas velocidades”, ao desmantelar os servizos públicos no rural dividindo aos galegos “de primeira e de segunda”

Besteiro aproveitou a súa intervención en Celanova para defender a fixación de poboación no rural, que permite “manter a cohesión territorial”, manter o coidado do territorio por exemplo fronte aos incendios forestais e garantir a eficiente distribución de servizos. Neste senso, reclamou o fortalecemento dos servizos públicos como elemento fundamental para vinculas ás persoas ao territorio, garantindo dotación de profesionais na sanidade e no ensino e o investimento na rede de transporte comarcal.

Finalmente, Gómez Besteiro destacou que dende o PSdeG-PSOE “estamos a traballar para que o noso rural sexa un territorio de esperanza, sen esquecer que as cidades e o rural son vasos comunicantes”, e advertiu que “defenderemos os servizos públicos que a Xunta elimina”. 

Primeira xornada do ciclo Diálogos con Raíz, este sábado en Celanova © PSdeG-PSOE

Besteiro defendeu a fixación de poboación no rural, que permite “manter a cohesión territorial”, manter o coidado do territorio por exemplo fronte aos incendios forestais e garantir a eficiente distribución de servizos

En cando ao modelo de financiamento, Besteiro cualificou de “imprescindible” coñecer a realidade do elevado número de pensionistas con respecto dos cotizantes, que fan de Galicia unha Comunidade Autónoma beneficiaria neta do sistema público de pensións. Advertiu polo tanto que o concerto fiscal propio “non ten sentido ningún”, ademais de que “resultaría un desastre económico para o país”.

 

Participantes na xornada

Besteiro foi o encargado de clausurar unha xornada que fora inaugurada polo alcalde de Celanova, Antonio Puga, e contou con dúas mesas de debate moderadas polo secretario provincial de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, e o alcalde de Entrimo, Ramón Alonso. Asistiron como ponentes o secretario xeral de Reto Demográfico do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Francisco Boya, ou o presidente da Cámara de Melgaço, Manuel Batista.

Os e as poñentes situaron o foco na estabilidade laboral, os dereitos para os traballadores e traballadoras, o acceso á vivenda, o custo da vida e a comprensión dos novos modelos de familia, ademais da chegada de inmigrantes

Tamén participaron a concelleira de Igualdade de Celanova, Teresa Barge, a investigadora do CSIC sobre iniciativas no eido rural, Carmen Martínez, a catedrática de Socioloxía da UDC, Laura Oso, e a catedrática de Historia da Economía da USC, María Xosé Rodríguez Galdo

A xornada comezou coa apertura da exposición fotográfica “Habitar o despoboado”, do fotógrafo Brais Lorenzo, no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova. O fotógrafo ourensán lembrou as súas raíces socialistas e chamou ao consenso político sobre o reto demográfico.

Os e as poñentes situaron o foco na estabilidade laboral, os dereitos para os traballadores e traballadoras, o acceso á vivenda, o custo da vida e a comprensión dos novos modelos de familia, ademais da chegada de inmigrantes, que “son parte de nós e fannos unha sociedade mellor”, como oportunidade para superar a crise demográfica.

Besteiro e Jorge Cardoso, impulsor da candidatura de Celanova como pobo máis bonito de España en 2023 © PSdeG-PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.