BNG e PSdeG suman á investigación dos contratos da Xunta os da "empresa vinculada á número dous de Rueda"

Algunhas das marcas do Xacobeo rexistradas pola Xunta a través da empresa Gallaecia Patentes y Marcas CC-BY-SA Praza.gal

elDiario.es revela que 272 adxudicacións directas á empresa do irmán da secretaria xeral da Presidencia para rexistrar marcas da Xunta suman máis de 782.000 euros dende 2018

A Xunta adxudicou nos últimos sete anos 272 contratos menores á empresa Gallaecia Patentes y Marcas S.L. que suman 782.666 euros. Foron para xestionar rexistros de marcas propiedade do Goberno galego, tales como as do Xacobeo 2021 e as súas derivadas. Tamén para xestionar conflitos na materia no nome da Administración autonómica, como evitar que un particular inscribise ao seu nome as marcas Xacobeo Radio e Xacobeo TV

Ese cómputo total de adxudicacións publicouno este luns o xornal elDiario.es nunha información na que revela que o propietario de Gallaecia Patentes y Marcas S.L. é Joaquín Cuíña. Trátase do irmán de Beatriz Cuíña, secretaria xeral da Presidencia da Xunta e, dende hai década e media, alto cargo da máxima confianza de Alfonso Rueda, con quen tamén exerceu postos similares -a secretaría xeral- nos seus anos como vicepresidente e conselleiro da Presidencia.

Exemplos de adxudicacións recentes de Turismo de Galicia a Gallaecia Patentes y Marcas, sobre unha imaxe do logotipo da empresa CC-BY-NC-SA Praza.gal

Os contratos menores, pola súa propia natureza, son figuras que non requiren concurso público. Os gobernos poden adxudicalos directamente "a calquera empresario con capacidade de obrar" e "habilitación profesional necesaria" sempre e cando non superen os 15.000 euros, para subministros ou servizos, ou os 40.000 para as obras.

Pontón coida que este é "un novo caso de chanchullos do PP" e insta a Rueda a comparecer na investigación, xa que "o salpica directamente". Besteiro advirte de que Cuíña "non é un cargo calquera" e pedirá a súa comparecencia na comisión

Tras a publicación desta información tanto o BNG coma o PSdeG avanzaron a súa intención de pedir contas ao Goberno. E de facelo na comisión de investigación que, por iniciativa do Bloque a través do mecanismo que permite abrir unha destas pescudas por lexislatura sen apoio da maioría, foi concibida para indagar nas adxudicacións de emerxencia da Xunta na pandemia da COVID e mais no sobrecusto de 470 millóns no hospital de Vigo certificado polo Consello de Contas.

Para a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, este é "un novo caso de chanchullos do PP" mediante o "nepotismo" e a "corrupción". Rueda, defende, ten que "dar explicacións ante un caso gravísimo que o salpica directamente" e que, di segue "exactamente o mesmo modus operandi" ca outros sinalados pola formación soberanista. "Contratos a dedo a empresas vinculadas a cargos do PP que non teñen reparo en meter a man na carteira dos galegos e das galegas para que os seus familiares se lucren", acusa.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, este luns en Vigo CC-BY-NC-SA BNG

Pontón asegura ver neste caso "un motivo máis para que Rueda compareza na comisión de investigación", que principia os seus traballos este martes e onde, di, o BNG quere "destapar todo o que o PP quere agochar, sacar a luz  15 anos de chanchullos do goberno do Partido Popular". O alcance das pescudas estará condicionado, en calquera caso, por unha maioría absoluta do PP que xa propiciou, de entrada, que a comisión estea presidida por unha das súas deputadas, a lucense Elena Candia.

Rueda defende as adxudicacións como "normais" e "transparentes"

Para o PSdeG, esta sucesión de contratos recompilada por elDiario.es é motivo dabondo para citar a Beatriz Cuíña nesta comisión. Mais tamén, advirte o seu secretario xeral, para que o propio Rueda dea "explicacións". Cómpre, di José Ramón Gómez Besteiro, coñecer "toda a verdade" sobre "unha práctica xeneralizada no PP para beneficiar a familiares de cargos da Xunta".

Incide Besteiro en que Beatriz Cuíña "non é calquera cargo". "Ostenta unha posición de máxima confianza de Rueda". Unha vez "coñecida a verdade" na comisión, agrega o socialista, o caso "pode derivar na vía xudicial".

José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG, este 14 de outubro tras reunirse con persoal da CRTVG en folga CC-BY-NC-SA PSdeG

Rueda, pola súa banda, desbota calquera irregularidade. As adxudicacións á empresa de Cuíña foron "fiscalizadas por intervención" en procedementos "normais" e "transparentes". A súa elección respondeu ás "necesidades" dos departamentos que as adxudicaron, agregou en resposta a preguntas dos xornalistas tras o Consello da Xunta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.